[02-03-2019] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do proxecto que recolle as obras do camiño de Quistiláns ao cemiterio e dos viarios do núcleo de Quistiláns, na parroquia de Bugallido. As obras foron adxudicadas á empresa Martínez Montes e Hijos S.L. por un importe de 98.494 euros, IVE incluído. Estas actuacións están incluídas no Plan Complementario do POS+ 2018 da Deputación da Coruña. A través destes traballos mellorarase o estado actual dos viarios e, por ende, a seguridade dos usuarios e usuarias.
O obxecto deste proxecto é a pavimentación dos viarios do núcleo de Quistiláns e, ademais, a mellora e pavimentación do camiño que une Quistiláns co cemiterio, ambas actuacións localizadas na parroquia de Bugallido.
Por elo, as obras que se realizarán no camiño de Quistiláns ao cemiterio executaranse en tres treitos de 140x5, 460x4 e 200x5 metros, e consistirán na mellora da capa de rodaxe con cinco centímetros de aglomerado en quente. Antes, realizarase a reparación das fochancas e perfilado de mordentes, así como o emprego de quince centímetros de zahorra, quince de grava e tratamento asfáltico semiprofundo en ampliación do ancho da superficie pavimentada en 0,5 metros a cada lado, dentro da plataforma actual do camiño (no treito de 460 metros de lonxitude).
Ademais, pavimentaranse dous treitos de 45x3 e 15x5 metros con dez centímetros de grava, tratamento asfáltico semiprofundo e cinco centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma. Tamén se realizará a execución dun total de 685 metros de cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizará tubaxe de PVC de 315 milímetros de diámetro e 21 arquetas con sumidoiro para a recollida de augas pluviais, previa escavación de gabia e posterior recheo compactado da mesma.
Para finalizar as obras do camiño, procederase á limpeza de gabias e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, así como a sinalización horizontal con pintado de liñas en bordes e símbolos e unha partida para adaptación de pozos e arquetas á nova rasante.
A continuación, tamén se procederá ao asfaltado dos viarios do núcleo de Quintiláns que, divididos en dous treitos de 60x5 e 110x3,5 metros, serán pavimentados con cinco centímetros de zahorra e doce de formigón, ademais de incluír mallazo e xuntas de dilatación. Todo elo despois da demolición, nivelación e compactación do pavimento existente. Por último, na zona tamén se contempla a execución de 12 metros de caz de formigón con reixa para recollida de augas pluviais e unha partida para adaptación de pozos e arquetas á nova rasante.
Contido relacionado

Compostela 24 horas: "Adxudícadas as obras de pavimentación dos viarios das Mimosas"
Lindeiros: "Ames adxudica a pavimentación dos viarios das Mimosas"




