Pestanas principais

Adxudícanse as obras de reparación e mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns por 162.000 euros

Xoves, 25 de agosto de 2022

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do proxecto de reparación e mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns. A actuación, sufragada polo plan POS 2021 da Deputación da Coruña, foi adxudicada á empresa Citanias Obras y Servicios SLU por un importe de 161.856,34 euros, IVE incluído. As obras incluirán a renovación da cuberta, os aseos, os falsos teitos, o alumeado e a cafetería, así como a instalación de climatización e de novos estores.

O centro sociocultural de Bertamiráns, situado na praza de Chavián, vai contar cunha nova renovación, despois de que a comezos de ano se realizasen obras nos seus interiores, en especial no seu primeiro andar. A Xunta de Goberno Local do pasado xoves 11 de agosto aprobou a adxudicación deste novo proxecto á empresa Citanias Obras y Servicios SLU por 161.856,34 euros, que se adicarán a mellorar tanto o interior coma o exterior do edificio, e que están financiadas ao completo con fondos do plan POS 2021 da Deputación da Coruña.

As actuacións incluirán a substitución das cubertas do inmoble, coa demolición da cheminea en desuso. No lugar das actuais instalaranse unhas cubertas de “panel sándwich”, con remates de chapa de aceiro, e colocaranse novas canalizacións e baixantes de aluminio para favorecer a evacuación das augas pluviais.

Xa nos interiores, o primeiro andar contará cunhas novas unidades de climatización, substituirase o alumeado por un equivalente con tecnoloxía LED, e renovaranse os aseos, de tal xeito que sexan máis accesibles, cunha reforma similar á xa efectuada nos baños da planta baixa. Estes contarán con nova fontanería, pezas sanitarias, accesorios, acabados, alumeado, tabiques e portas.

Pola súa banda, a planta baixa verá renovados os seus falsos teitos e gozará de varios cambios na súa cafetería. Instalarase un biombo modular que a separe da zona do vestíbulo xeral, cunha porta abatible de acceso. Ademais, repararase a barra existente, substituíndo os seus elementos deteriorados. Neste andar, cambiaranse tamén as portas cortalumes do cuarto de máquinas, do elevador e da cociña, e colocaranse estores de tecido ignífugo.

A suma do importe desta nova actuación cos das melloras realizadas nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns a comezos de 2022 achégase aos 260.000 euros. Co anterior proxecto, que contou cun orzamento de 96.800 euros sufragados polo POS+ 2020 da Deputación, dotouse ao centro sociocultural do Milladoiro dun novo alumeado no vestíbulo, actuouse sobre a luz natural das oficinas, e instalouse unha varanda de vidro no primeiro andar do auditorio. Ademais, en Bertamiráns mellorouse o alumeado, renováronse os pavimentos e os falsos teitos do primeiro andar, e engadíronse espazos ao carón do auditorio, co fin de empregalos para un almacén, un acceso ao escenario e unha sala de lactancia.

A concelleira de Cultura, Natividade González, quixo destacar a importancia desta obra para o funcionamento do centro sociocultural ao longo do ano. “Con este importante investimento vaise executar unha actuación moi necesaria na Casa da Cultura. Algunhas melloras serán máis visibles e estéticas e outras non tanto, pero a súa necesaria e urxente intervención farán un espazo máis adaptado ás necesidades actuais, tanto  enerxéticas como de accesibilidade. Ademais, corrixiremos todas as incidencias que nos atopamos moitos días onde as condicións climatolóxicas foron adversas, imposibilitando as veces o uso dalgún espazo”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Adjudicada la ampliación de la Casa da Cultura de Bertamiráns"

El Correo Gallego: "Adxudican a reforma do teito, aseos e bar na casa da cultura da capital amesá"

AMSGO!: "A Deputación achega 162.000€ para a reparación e mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns"

Enfoques: "Adjudicadas por 162.000 las obras de reparación y mejora de la Casa da Cultura de Bertamiráns"

Adxudícanse as obras de reparación e mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns por 162.000 euros

Multimedia

  • Adxudícanse as obras de reparación e mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns por 162.000 euros
  • Adxudícanse as obras de reparación e mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns por 162.000 euros
  • Adxudícanse as obras de reparación e mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns por 162.000 euros