Pestanas principais

Adxudícanse as obras de pavimentación dos viarios das Mimosas por 60.420 euros

Xoves, 28 de febreiro de 2019

[28-02-2019] A Xunta de Goberno Local, celebrada o pasado xoves 14 de febreiro, aprobou a adxudicación das obras de pavimentación dos viarios da urbanización das Mimosas, en Biduído. Este proxecto foi adxudicado á empresa Obra y Viales de Galicia S.L. (OVIGA SL). O importe do contrato é dun total de 60.420 euros, IVE incluído. Estas actuacións, que son unha reivindicación da Asociación de Veciños/as de As Mimosas, están incluídas no Plan Complementario do POS+ 2018. Nesta urbanización leva sen realizarse ningunha actuación nas súas rúas interiores desde a data de construción, fai xa 30 anos.

As obras contempladas no proxecto irán destinadas a mellorar a capa de rodaxe dos viarios do núcleo das Mimosas con cinco centímetros de aglomerado en quente en toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Os viarios divídense en oito treitos de 550, 100, 105, 100, 140, 120, 115 e 60 metros de lonxitude; todos eles de 5 metros de ancho e tres sobreanchos de 35x3, 20x18 e 30x12 metros.

Estes traballos de mellora irán precedidos pola limpeza dos bordes de ambos lados dos viarios. Asemade, despois da pavimentación, procederase á sinalización horizontal con pintado de liñas en bordes e símbolos, así como a adaptación de 48 pozos e arquetas á nova rasante.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, indica que “cos fondos deste plan provincial vamos mellorar os viarios da urbanización das Mimosas, na parroquia de Biduído. O obxectivo é ir mellorando os camiños e pistas interiores das distintas aldeas do rural. Neste caso tócalle a esta urbanización da parroquia de Biduído”.

Nesta urbanización leva sen realizarse ningunha actuación nas súas rúas interiores desde a data de construción, fai xa 30 anos. Trátase dunha reivindicación da AA.VV. de As Mimosas.

Parque infantil de As Mimosas
Ademais, vanse executar traballos de mellora no parque infantil de As Mimosas co obxectivo de reforzar a seguridade nos elementos de xogo. Tamén se van a colocar nesta área de lecer uns elementos biosaudables, para a xente adulta. Deste xeito, xúntase nunha mesma zona os elementos de xogo dos nenos/as, así como os elementos biosaudables dirixidos a persoas adultas e maiores.

Contido relacionado


Lindeiros: "Ames adxudica a pavimentación dos viarios das Mimosas"