Pestanas principais

Adxudícanse as obras de pavimentación da rúa Agro da Vella no Milladoiro por 312.863 euros

Domingo, 21 de decembro de 2025

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación das obras de pavimentación da rúa Agro da Vella, situada no núcleo urbano do Milladoiro. O proxecto foi adxudicado á empresa Adecon Obras y Servicios SL por un importe de 312.863,65 euros (IVE incluído). Esta obra, que se sufraga con cargo ao POS+ 2025, enmárcanse dentro do plan de arranxo e mellora das vías e camiños municipais. Este proxecto está incluído na Achega provincial de 2025. A través de dito proxecto vaise reordenar o tráfico rodado e executar a renovación completa da pavimentación da rúa Agro da Vella, que vai pasar a contar cun só sentido de circulación cara a avenida do Muíño Vello, aparcamento en liña na marxe esquerda e aparcamento en batería oblicuo na marxe dereita. Ademais, vanse ampliar as beirarrúas en ambas marxes. Con dita reforma gañaranse prazas de estacionamento nesta rúa.

As actuacións proxectadas teñen por obxecto a reordenación do tráfico rodado e a renovación completa da pavimentación da rúa Agro da Vella, no núcleo urbano de O Milladoiro. Coa solución proxectada a rúa contará cun só sentido de circulación cara a avenida do Muíño Vello, aparcamento en liña na marxe esquerda de 2 metros de ancho, aparcamento en batería oblicuo na marxe dereita e beirarrúas, en ambas marxes, con anchos de 2,5 metros. 

Ademais, prevese o acondicionamento dun noiro a fin de facilitar o seu emprego como espazo de lecer. Deste xeito, vaise a acondicionar a zona verde que se atopa na parte traseira da EEI do Milladoiro para que poida ser usada pola veciñanza como zona de ocio.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que "este proxecto recolle a reordenación completa da rúa Agro da Vella, xa que se vai reordenar o tráfico para que esta rúa pase a contar con sentido único de circulación, e zonas e aparcamento nas dúas marxes da rúa. Ademais, vanse ampliar as beirarrúas para que a veciñanza dispoña de máis espazo peonil. Coa reforma vanse gañar prazas de estacionamento porque nun dos lados vaise estacionar en batería".

Actuacións previstas no proxecto
Para as beirarrúas proxéctase un pavimento con baldosa de formigón vibrado de 60x40 centímetros granallada sobre 10 centímetros de formigón sobre zahorra para a súa nivelación. Como elementos de separación coa calzada proxéctase un bordo de formigón prefabricado cunha rígola executada con 10 centímetros de formigón con mallazo. Nos pasos de peóns disporase pavimento táctil direccional e de botóns segundo o disposto na normativa de accesibilidade vixente. Na plataforma do viario disporase unha nova capa de rodaxe composta por 5 centímetros de mestura bituminosa en quente.

O novo espazo de lecer configurarase por unha explanada executada con 15 centímetros de formigón con mallazo sobre 15 centímetros de zahorra, previo o correspondente movemento de terras, delimitada por perpiaño granítico de dimensións 50x50 centímetros contra noiro verde. Tamén se prevé a execución dun sendeiro con 10 centímetros de formigón sobre 10 centímetros de zahorra delimitado con bordo prefabricado de formigón.

Coa nova remodelación da rúa proxéctase a completa renovación do sistema de iluminación pública con tubo de PP 90 milímetros de diámetro, cableado, a instalación de 27 columnas cilíndricas de aceiro de 5 metros de altura, 35 luminarias, 7 balizas led e as correspondentes arquetas. Tamén se prevé a adaptación dos sumidoiros e a elevación dos pasos de peóns existentes. Completan a actuación a correspondente sinalización horizontal e vertical, a plantación de árbores, a colocación de 2 bancos de formigón con madeira e dúas xardineiras.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Milladoiro ganará plazas para aparcar en Agro da Vella, que será de sentido único"

La Voz de Galicia: "Adjudicada la pavimentación de Agro da Vella, en O Milladoiro"

Adxudícanse as obras de pavimentación da rúa Agro da Vella no Milladoiro por 312.863 euros

Multimedia

  • Adxudícanse as obras de pavimentación da rúa Agro da Vella no Milladoiro por 312.863 euros
  • Adxudícanse as obras de pavimentación da rúa Agro da Vella no Milladoiro por 312.863 euros