Pestanas principais

Adxudícanse as obras de ordenación e mellora viaria de Cantalarrana e Carballido por un importe de 74.426,62€

Mércores, 09 de xaneiro de 2019

[09-01-2019] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do proxecto que recolle as obras de ordenación e mellora viaria de Cantalarrana e Carballido, na parroquia de Ortoño, por un importe de 74.426,62 euros IVE incluído. Estas actuacións están incluídas no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+2018” da Deputación da Coruña. A través destes traballos mellorarase o estado actual dos viarios e a seguridade.

O prazo de execución destas obras é de seis meses, a contar dende o día seguinte ó da sinatura do contrato, que tivo lugar esta mañá. Así, o proxecto das obras de ordenación e mellora viaria de Cantalarrana e Carballido mellorará a capa de rodaxe con cinco centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, que está dividida en tres treitos de 170x4,00, 530x4,00 e 310x4,00 m, así como 100 m2 de sobreanchos, previa reparación de fochancas e perfilado de mordes, e previo emprego de 12 centímetros de zahorra, dez de grava e tratamento asfáltico semiprofundo en ampliación da superficie pavimentada ambos lados (0,50m. a cada lado) dentro da plataforma actual dos viarios, nos dous últimos treitos (530 e 310 m.)

Contémplase tamén a execución de 618 metros de cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizará tubería de polietileno corrugado de 315 centímetros de diámetro e executaranse 18 arquetas con sumidoiro para recollida de augas pluviais. Asemade, preténdese a limpeza de gabias e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, a sinalización horizontal con pintado de liñas en bordes e símbolos e unha partida para adaptación de pozos e arquetas á nova rasante.

O concelleiro de Obras, Blas García, expresou que "con esta obra atendemos unha petición realizada fai varios anos polos veciños e veciñas desa zona" e lembra que xa no mandato anterior se reclamaba a mellora de Cantalarrana e Carballido. Asemade, García explicou que "unha vez rematadas as obras de asfaltado e canalización de cunetas se estudará unha modificación no tráfico da zona e se reforzará o alumeado público"



Contido relacionado


Lindeiros: "Ames comeza a mellora viaria de Cantalarrana e Carballido"
Compostela 24 horas: "Adxudícanse as obras de ordenación e mellora viaria de Cantalarrana e Carballido por un importe de 74.426,62€"