Pestanas principais

Adxudícanse as obras de mellora e acondicionamento da rúa Seidón e do seu contorno

Sábado, 19 de xaneiro de 2013

[19-01-2013] A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames acaba de aprobar a adxudicación dos traballos que permitirán a mellora e acondicionamento da rúa Seidón e do seu contorno, que está situada na localidade do Milladoiro. O proxecto foi adxudicado á empresa Construcciones Ponciano Nieto SL. Nestes traballos investiranse 31.844,15 euros. Estas obras están incluídas no convenio asinado recentemente coa Deputación da Coruña, que permitirá a posta en marcha de diferentes obras que teñen que ver coa mellora de estradas, rúas, canalización de pluviais e seguridade viaria en varios puntos do Concello.

O Concello de Ames segue dando pasos para mellorar as estradas e rúas municipais. Durante os últimos días asináronse os contratos para executar as obras de mellora da seguridade peonil entre Milladoiro e Ventín, así como para desenvolver a segunda fase das obras de pavimentación interior en Lapido. Agora, tócalle a quenda as obras de mellora e acondicionamento da rúa Seidón e do seu contorno, situada na localidade do Milladoiro, que foi adxudicada por parte da Xunta de Goberno Local.

Na actualidade, a rúa Seidón e o contorno no que se van a desenvolver estas obras atópase en terra natural. Antes de comezar as obras de mellora e acondicionamento haberá que realizar unha escavación e retirar a capa de terra natural existente.Posteriormente, executarase a canalización de pluviais. Para iso empregaranse tubos de PVC de 315 milímetros de diámetro e aplicarase unha capa de macadam de 12 centímetros de groso medio.

A continuación, aplicarase un rego semiprofundo e dobre tratamento asfáltico superficial na área devandita. Por último, haberá que facer unha rectificación dos pozos de sumidoiro existentes ata acadar a cota da nova rasante da vía.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Adxudícanse as obras de mellora e acondicionamento da rúa Seidón e do seu contorno"