Pestanas principais

Adxudícanse as obras de mellora da seguridade viaria en Pedras e Frenza por 128.400 euros

Sábado, 16 de decembro de 2023

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación das obras de mellora da seguridade viaria en Pedras (parroquia de Ames) e Frenza (pertencente á parroquia de Tapia). As obras, incluídas dentro do Plan Ames Progresa 2021-2023 e POS+2023, foron adxudicadas ás empresas GR Construcciones, Obras y Servicios SL e Excavaciones Pose SL respectivamente, por un importe total de 128.414,67 euros. Está previsto que proximamente comecen estes traballos de mellora.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, continúa coa reforma dos viarios dos lugares e aldeas do municipio co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e peonil. Nesta ocasión serán os núcleos de Pedras, na parroquia de Ames, e Frenza, pertencente á parroquia de Tapia.

Mellora da seguridade viaria en Pedras
A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación das obras de mellora da seguridade viaria da aldea de Pedras por un importe de 55.815,88 euros (IVE incluído) á empresa GR Construcciones, Obras y Servicios SL. Desta maneira, acondicionaranse tres treitos de vías interiores, que suman un total de 675 metros. Este proxecto está incluído dentro do Plan Ames Progresa 2021-2023.

O proxecto prevé a mellora da pavimentación, cunha nova capa de asfalto e coa reparación de fochancas con grava e tratamento asfáltico. A meirande parte do renovado viario terá unha anchura de 3 metros, con tramos reducidos de maiores dimensións tanto na zona sur e na oeste, onde aumentará a 4,7 e 2,5 metros, respectivamente.

Por outra banda, na zona oeste será construída unha senda peonil de 200 metros de lonxitude e 2 metros de anchura media, acompañados dunha gabia transitable de 800 metros, que serán executados con saburra e pavimento de formigón. A drenaxe da plataforma de formigón levarase a cabo coa canalización e instalación de arquetas con sumidoiros e colectores con reixa.

Por último, procederase á correspondente sinalización horizontal e vertical, á limpeza das gabias existentes, co fin de garantir a correcta drenaxe do viario, e á reposición de catro postes de formigón con luminaria.

Mellora da seguridade viaria en Frenza
Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto de mellora da seguridade viaria na aldea de Frenza á empresa Excavaciones Pose SL por un importe de 72.598,79 euros (IVE incluído). Este proxecto está incluído dentro do POS+2023 da Deputación da Coruña. Na actualidade, o viario no se que van executar estas obras conta cun ancho medio de tres metros, polo que ampliará ata os catro metros mediante a execución dun sobreancho de 50 centímetros a cada marxe.

Por outra banda, executaranse cunetas transitables nas marxes da vía, para que poidan ser empregadas polos veciños nos seus desprazamentos cotiás. A marxe dereita terá unha lonxitude de 265 metros e un ancho medio de 1,50 metros, e na esquerda executaranse 60 metros de lonxitude, coincidindo coa fronte das vivendas existentes, cun ancho medio de dous metros. Antes de realizar as obras, levarase a cabo a demolición dos pavimentos existentes que non sexan compatibles coa solución proposta.

O paquete de firme nos sobreanchos da calzada constará de 15 centímetros de zahorra, 15 centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Sobre o viario existente repararanse as fochancas e os mordentes, tamén mediante 10 centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Finalmente, disporase a toda a plataforma unha capa de rodaxe composta por 5 centímetros de aglomerado en quente, coa correspondente rega de adherencia.

As cunetas transitables executaranse mediante 15 centímetros de zahorra e 15 centímetros de formigón en pavimento. A drenaxe realizarase mediante canalización de polipropileno e arquetas con sumidoiro. Baixo a cuneta disporase tamén de tubaxe de polipropileno para a canalización soterrada do alumeado público e arquetas prefabricadas. As actuacións completaranse coa limpeza das gabias para a recuperación da súa sección hidráulica, a sinalización horizontal e vertical e a reposición dun poste.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames mellora os viais de Pedras e Frenza para gañar en seguridade por 130.000 €"

Imaxe de Frenza

Multimedia

  • Imaxe de Frenza
  • Imaxe de Pedras
  • Imaxe de Pedras
  • Proxecto de Pedras