Pestanas principais

Adxudícanse as obras de construción dos novos vestiarios do campo de fútbol do Milladoiro

Luns, 18 de xaneiro de 2021

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado venres, 15 de xaneiro, a adxudicación das obras de construción dos vestiarios do campo fútbol do Milladoiro. As obras obras foron adxudicadas a empresa Obras Gallaecia SL por un importe de 76.244,28 euros (IVE incluído), que se sufragarán con cargo ao POS Adicional 1/2019. Os novos vestiarios estarán situados baixo as gradas do campo de fútbol. Dita actuación enmárcase dentro do proxecto de construción de gradas e novos vestiarios para esta instalación deportiva.

Os vestiarios construiranse baixo as gradas do campo de fútbol do Milladoiro, que foran sufragadas con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación e estreadas no ano 2017, coincidindo coa celebración do XXXVI Trofeo de Fútbol Concello de Ames. As novas obras dos vestiarios executaranse sobre unha superficie de 141.43 metros cadrados e contarán con tres puntos de acceso: un para que os xogadores/as e o/a arbitro accedan aos vestiarios, outro para entrar no terreo de xogo e un terceiro para pasar directamente ás gradas.

Na actualidade, os espazos baleiros que quedan debaixo das gradas dedícanse a almacén. Nestes espazos é onde se van a construír catro vestiarios e dúas zonas de duchas compartidas entre os vestiarios existentes. Para iso, previamente, haberá que dotar de rede de abastecemento de auga e saneamento, así como de electricidade a ditas gradas. Os novos vestiarios estarán situados nun lateral do campo de fútbol e sumáranse aos xa existentes que se atopan na zona de entrada ao campo.

As obras encádranse dentro do plan de mellora das instalacións deportivas do Concello de Ames. “Partimos da base de que o deporte é saúde e de que a súa práctica require de instalacións axeitadas e ben acondicionadas. A construción dos vestiarios no campo de fútbol de Milladoiro responde a intención do Goberno municipal de ir mellorando todas as instalacións do concello e adaptándoas a demanda que ano a ano medra en Ames”, manifesta a concelleira de Deportes, Susana Señorís.

A concelleira de Deportes tamén lembra que “estas obras responden a un compromiso adquirido polo Goberno municipal co Milladoiro Sociedade Deportiva. Nunha primeira fase construíronse as gradas cubertas e agora executaranse os vestiarios. Nestas dúas actuacións investiranse arredor de 160.000 euros para mellorar as instalacións do campo de fútbol do Milladoiro”. 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Los vestuarios del campo de fútbol de O Milladoiro costarán 76.244 euros"

Lindeiros: "Novos vestiarios para o campo de fútbol do Milladoiro en Ames"

Compostela 24 horas: "Adxudícanse as obras de construción dos novos vestiarios do campo de fútbol do Milladoiro"

Planta e sección lonxitudinal, novas gradas.

Multimedia

  • Planta e alzado novas gradas.