[06-03-2019] A Xunta de Goberno vén de aprobar a adxudicación das obras de pavimentación dos viarios de Fraíz e A Moniña, ambos na parroquia de Biduído. Este proxecto foi adxudicado á empresa Construcciones Cernadas S.L. por un importe de 102.811,75 euros, IVE incluído. Estas actuacións están incluídas no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+2018” da Deputación da Coruña.
O proxecto de pavimentación en viarios en Fraíz e A Moniña, na parroquia de Biduído, contempla nun primeiro momento a pavimentación no lugar de Fraíz, dividido en sete treitos, coa reposición do paquete de firme con cinco centímetros de zahorra e doce de formigón, previa demolición, nivelación e compactación do pavimento existente. Preténdese tamén a execución de 90 metros de cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizará unha tubaría de PE corrugado de 315 mm de diámetro, e a execución de 3 arquetas con sumidoiro e 10 metros de caz de formigón con reixa para canalización de augas pluviais.
Por outra banda, a pavimentación de viarios na Moniña está dividida en cinco treitos, coa reposición do paquete de firme con cinco centímetros de zahorra e doce de formigón, previa demolición, nivelación e compactación do pavimento existente. Preténdese tamén a pavimentación de dous sobreanchos con quince centímetros de zahorra e doce de formigón.
A actuación contempla igualmente a execución de 180 metros de cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizará unha tubaría de PVC de 315 mm de diámetro, e a execución de 10 arquetas con sumidoiro para canalización de augas pluviais. O prazo de execución destas obras será de 6 meses a partir do día seguinte ó da sinatura da acta de comprobación de replanteo, salvo que exista reserva fundada.





