- Tematica
O Concello de Ames avanza na execución do proxecto “Ames dixital Water”, que conta cunha axuda de 1.131.309,77 euros a través do plan PERTE, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, para a dixitalización do ciclo urbano da auga. A través do uso da tecnoloxía, búscase facer unha xestión máis eficiente e eficaz do ciclo completo da auga, desde a captación ata a reutilización. Na actualidade estanse executando catro actuacións que foron adxudicadas por 418.144,78 euros. Ademais, a través de contratos menores investíronse 221.407 euros en diversas actuacións incluídas en dito proxecto.
O Concello de Ames iniciou a transformación integral do seu sistema de abastecemento e saneamento mediante a adxudicación e execución de diversos contratos enmarcados no proxecto estratéxico “Ames Dixital Water”, cuxa investimento global ascende a 1.356.375,49 euros. O 83,40% do orzamento total, que ascende a 1.131.309,77 euros, será sufragado con fondos europeos, mentres que o 16,60% restante, 225.065,72 euros, son sufragados con fondos municipais.
A iniciativa está financiada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do PERTE para a dixitalización do ciclo urbano da auga, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Goberno de España e con fondos Next Generation EU. O obxectivo principal do proxecto é dotar ao municipio de servizos modernos e de calidade relacionados coa xestión do ciclo da auga. Así, a través da transformación dixital, Ames mellorará a eficiencia no uso dos recursos hídricos, garantirá a sustentabilidade ambiental e proporcionará á cidadanía un entorno favorable para o desenvolvemento dos seus proxectos de vida.
O proxecto pretende converter Ames nun referente na gobernanza da auga a nivel local, aproveitando as vantaxes da transformación dixital. Prevese mellorar a calidade de vida dos cidadáns, promover a sustentabilidade ambiental e fortalecer o arraigamento da poboación no municipio. Este enfoque integral busca crear un modelo replicable noutros contornos semiurbanos que se enfrontan a retos similares.
Estudo de inundacións e plan municipal de protección civil
Na actualidade estanse executando catro importantes actuacións por valor de 418.144,78 euros. Un dos contratos adxudicados e en execución é o servizo para a elaboración do estudo de detalle de inundación en áreas de risco potencial e significativo de inundación (ARPSIs) e do Plan municipal de protección civil fronte ao risco de inundacións no municipio. O orzamento base de licitación ascendía a 49.731 euros (IVE incluído), mentres que o contrato foi adxudicado por 40.474,50 euros (IVE incluído), o que supón unha baixa económica do 18,6% sobre o importe de licitación. A empresa adxudicataria é Brétema Ingeniería.
O contrato inclúe dúas actuacións complementarias. A primeira, o estudo de detalle de inundación no núcleo de Bertamiráns, que abordará a modelización hidráulica bidimensional dos leitos e a identificación de zonas críticas en diferentes escenarios de risco. Tamén contempla o deseño preliminar dunha rede de sensores para a detección temperá de crecidas e desbordamentos, como paso previo á futura implantación dun sistema de alerta e monitorización municipal. A segunda actuación corresponde ao Plan municipal de protección civil fronte ao risco de inundacións, orientada a establecer un marco operativo de resposta ante emerxencias. Este documento integrará a normativa vixente (INUNGAL, PXRI e Real Decreto 903/2010), e definirá os protocolos de actuación, a estrutura de mando, os grupos de intervención e os mecanismos de coordinación entre servizos municipais e autonómicos.
Inventario das redes de abastecemento e saneamento
O segundo contrato que xa está en marcha é do servizo para o levantamento topográfico e inventariado das redes de abastecemento e saneamento do municipio, unha actuación clave dentro do proxecto Ames Dixital Water. O orzamento base de licitación ascendía a 214.765,86 euros (IVE incluído), mentres que o contrato foi adxudicado por 168.161,68 euros (IVE incluído), o que supón unha redución do 21,7% respecto ao importe de licitación. A empresa adxudicataria é Cartogalicia, S.L.
O contrato ten como finalidade dixitalizar e xeorreferenciar todas as infraestruturas do ciclo integral da auga, permitindo dispoñer dun inventario actualizado de captacións, redes, estacións de bombeo, depósitos, depuradoras e demais elementos singulares. Os traballos incluirán a instalación de identificadores físicos con tecnoloxía QR e NFC, que facilitarán o acceso inmediato á información técnica desde dispositivos móbiles. Os traballos contribuirán a mellorar a xestión dos servizos públicos, optimizar as tarefas de mantemento e reforzar a transparencia e a eficiencia na planificación de infraestruturas hidráulicas.
Mellora do sistema de abastecemento do municipio
A terceira actuación que se está executando é para a elaboración dos proxectos construtivos destinados á mellora do sistema de abastecemento do municipio. O orzamento base de licitación ascendía a 126.553,55 euros (IVE incluído), mentres que o contrato foi adxudicado por 121.035,82 euros (IVE incluído), o que supón unha redución económica do 4,4% sobre o importe de licitación. A empresa adxudicataria é Brétema Ingeniería.
O contrato comprende a redacción de dous proxectos principais. O primeiro proxecto aborda as obras de mellora do abastecemento do núcleo de Milladoiro desde a ETAP de Lens, incluíndo a ampliación de conducións, a instalación dunha nova estación de bombeo en Aldea Nova e a substitución de válvulas redutoras de presión para optimizar a capacidade do sistema. O segundo proxecto desenvolve as obras de mellora do abastecemento na zona norte de Ames, con novas conducións, depósitos e bombeos que permitirán reforzar a subministración aos núcleos de Lens, Ameixenda, Agrón, Trasmonte, Tapia, Piñeiro e A Baña.
Ambos proxectos teñen como obxectivo garantir a subministración de auga potable con maior seguridade, reducir perdas na rede e aumentar a autonomía do sistema municipal, aproveitando a capacidade da ETAP de Lens e reducindo a dependencia de sistemas externos de abastecemento.
Estudo para o saneamento e depuración de pequenos núcleos
Por último, adxudicouse o contrato de servizo para a elaboración do estudo para o saneamento e depuración de pequenos núcleos, a xestión de augas pluviais e SDUS, e a detección e redución de infiltracións de augas brancas no municipio. A proposta mellor valorada foi a presentada pola Unión Temporal de Empresas Estudio Técnico Gallego, S.A. e INVALL, S.A., que resultou adxudicataria por un importe total de 88.472,78 euros (IVE incluído), o que supón unha baixa do 14,9% sobre o orzamento base de licitación.
O contrato ten por obxectivo diagnosticar e planificar medidas de mellora no sistema municipal de saneamento, en especial nos pequenos núcleos e redes máis dispersas. Os traballos integraranse no Plan Director Integral da Xestión do Saneamento e permitirán avanzar en tres liñas principais: saneamento e depuración de pequenos núcleos e sistemas autónomos; xestión de augas pluviais mediante solucións baseadas na natureza (SUDS); e detección e redución de infiltracións de augas brancas.







