Pestanas principais

Adxudicadas as obras de mellora dos vestiarios e do muíño da área recreativa de Tapia por preto de 122.000 euros

Luns, 04 de xullo de 2022

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación das obras de reparación da cuberta dos vestiarios e mailo acondicionamento do muíño que están situados na área recreativa de Tapia. As obras, incluídas no plan POS+Adicional 2/2021, foron adxudicadas á empresa COVIASTEC SL por un importe de 121.608 euros. Estas obras de mellora uniranse a outras realizadas no ano 2017 para mellorar a accesibilidade nas instalacións desta área.

O Concello de Ames incluíu no plan complementario de 2021 da Deputación da Coruña unha obra para mellorar dúas das instalacións que están situadas na área recreativa de Tapia. Trátase de reparar a cuberta dos vestiarios e acondicionar o muíño desta área recreativa, xa que é un local de carácter lúdico utilizado principalmente na primavera e na época estival para realizar reunións e comidas de amigos e amigas. A adxudicación deste proxecto foi aprobado o 9 de xuño en Xunta de Goberno Local á empresa COVIASTEC SL por un importe de 121.608 euros.

A cuberta dos vestiarios de Tapia encóntrase en mal estado, con filtracións de auga e con deterioro da madeira que constitúe esta estrutura, polo que está previsto levantar toda a cuberta, incluso a súa estrutura, e substituíla por unha nova.

No caso do muíño, carece de porta, de alumeado interior e a cuberta encóntrase en mal estado de conservación, polo que ao igual que no caso dos vestiarios, preténdese levantar a cuberta e substituír a estrutura da mesma por unha nova, e volver a construír a cuberta; aproveitando para colocar un punto de luz estanco no interior do muíño, e unha porta de enreixado, tipo tramex, de aceiro inoxidable.

Deste xeito, as obras que se executarán consisten en levantar as cubertas do muíño e dos vestiarios, incluso a estrutura portante e o revestimento inferior de madeira. Instalarase unha nova estrutura de madeira laminada e un entramado de madeira para soportar os novos entaboados e as novas cubertas, de fibrocemento sen amianto de cor tella, no caso dos vestiarios e de lousa no caso do muíño. Colocarase un falso teito de lamas de madeira nos vestiarios. Tamén se colocará un punto de luz no interior do muíño, incluso liña eléctrica soterrada; e unha porta de aceiro inoxidable, tipo tramex no muíño, con pechadura.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras, Blas García, sinalou que “a zona da praia fluvial de Tapia é unha das máis concorridas e visitadas do concello, por iso é necesario realizar esta actuación para mellorar a seguridade nas edificacións existentes, xa que dende a súa construción non se realizaron”.

Mellora da accesibilidade

Estas obras súmanse a outras realizadas no ano 2017 para mellorar a accesibilidade nas instalacións desta área. Para iso recibiuse unha axuda de 27.293,62 euros por parte da Consellería de Política Social destinada á mellora da accesibilidade en edificios e espazos de uso público. Esta axuda estivo cofinanciada polo programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional de Galicia 2014-2020.

A través das actuacións realizadas habilitáronse dúas prazas de aparcamento adaptadas ás persoas con mobilidade reducida próximas á entrada principal; executouse un acceso pavimentado en formigón que une o aparcadoiro coa piscina infantil; fíxose un vao peonil que consistiu na eliminación dun tramo de adoquíns e a posterior execución dunha rampla de formigón que facilita o tránsito entre as prazas de estacionamento adaptadas, a cantina e a piscina; adaptouse o mostrador da cantina; realizáronse actuacións nos espazos hixiénico-sanitarios (aseos e vestiarios femininos e masculinos); e executáronse actuacións nos espazos de uso común coa colocación de novo mobiliario urbano accesible.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Adjudicadas las obras de los vestuarios y el molino de Tapia"

El Correo Gallego: "O lavado de cara na praia de Tapia será despois deste verán"

Enfoques: "Ames adjudica por 122.000 euros las mejoras del área recreativa de Tapia"

Adxudicadas as obras de mellora dos vestiarios e do muíño da área recreativa de Tapia por preto de 122.000 euros

Multimedia

  • Adxudicadas as obras de mellora dos vestiarios e do muíño da área recreativa de Tapia por preto de 122.000 euros
  • Adxudicadas as obras de mellora dos vestiarios e do muíño da área recreativa de Tapia por preto de 122.000 euros