Pestanas principais

Adxudicadas as obras de mellora dos interiores de Ortoñiño e As Cortes nas que se investirán 152.729 euros

Venres, 10 de decembro de 2021

A Xunta de Goberno Local adxudicou as obras de mellora dos camiños interiores de Ortoñiño e As Cortes, ambos lugares pertencentes á parroquia de Ortoño. As actuacións comprenden a mellora do pavimento e obras de drenaxe e sinalización. Os traballos foron adxudicados á empresa Construcciones Iglesias Mera SL. O valor das obras proxectadas ascende a 152.729 euros. Estes traballos enmárcanse dentro do plan de mellora do rural amesán.

O Concello de Ames segue a traballar na mellora da rede viaria existente no medio rural, desta volta cunha actuación na parroquia de Ortoño. A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar por procedemento aberto simplificado as obras dos interiores de Ortoñiño e As Cortes. O presente contrato ten por obxecto a pavimentación de calzadas, así como obras de drenaxe e sinalización.

O importe das obras de mellora dos interiores de Ortoñiño e As Cortes ascende a 152.729 euros. A Xunta de Goberno de Local adxudicou estes traballos á empresa Construcciones Iglesias Mera SL. O prazo de execución das obras é de 6 meses.

Melloras en Ortoñiño
As actuacións consisten na mellora dunha infraestrutura existente. Concretamente nos viarios de acceso a Ortoñiño, compostos por 4 treitos de 640 metros, 170 metros, 95 metros e 400 metros con anchos medios de 3,5 metros, 6 m, 4 m e 3,5 m respectivamente, ademais de dous abanicos de 25 metros cadrados. Nesta zona preténdese a mellora da capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación das fochancas existentes e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.

Para os viarios interiores, de 1.150 metros cadrados e 210 metros cadrados, proponse a demolición do pavimento actual e a formación dun novo con 15 centímetros de formigón delimitado por adoquín de pedra granítica todo sobre 10 centímetros de saburra.

Tamén se contempla a execución dunha rede de pluviais baixo os pavimentos de formigón con 270 metros do mesmo tubo e 44 metros de PVC Ø160 para as conexión das baixantes. Completarase coa colocación de 27 sumidoiros e 11 metros de caz con reixa. Inclúese tamén a limpeza previa de cunetas e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal e o pintado das marcas viarias nos accesos aglomerados.

Actuación nas Cortes
Nos viarios das Cortes, compostos por tres treitos de: 275 metros con 4 metros de ancho medio, 340 metros tamén con 4 metros de ancho e unha superficie de 480 metros cadrados, preténdese a mellora do pavimento con regas asfálticas, aglomerado en quente e formigón respectivamente.

Para os treitos con regas asfálticas e aglomerado farase previamente a reparación de fochancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Namentres que no pavimento de formigón proponse a demolición do pavimento actual e a formación dun novo con 15 centímetros delimitado por adoquín de pedra granítica todo elo sobre 10 centímetros de zahorra. Tamén se contempla a execución de 85 metros de cuneta transitable de formigón con canalización de pluviais de tubo PVC Ø 400. Este rede tamén se colocará baixo o pavimento de formigón con 95 metros do mesmo tubo e 12 metros de PVC Ø160 para as conexión das baixantes. Completarase coa colocación de 10 sumidoiros e 8 metros de caz con reixa.

Inclúese tamén a limpeza previa de cunetas e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, o pintado das marcas viarias nos accesos aglomerados e colocación de dúas sinais de stop.

Obras de mellora na parroquia de Ortoño
Para o alcalde de Ames e concelleiro de Obras, Blas García, “estas obras súmanse a outras levadas a cabo na parroquia de Ortoño como son a construción da senda peonil que une Sisalde con Agro do Muíño ou a senda peonil que une Agro do Muíño coa Condomiña”. Ademais, o pasado 4 de novembro a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de licitación das obras para a execución dunha senda en Lapido.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames adjudica la mejora de los viales interiores de Ortoñiño y As Cortes"

El Correo Gallego: "Contratadas xa as reformas dos viais interiores na aldea de Ortoñiño e na das Cortes"

Compostela 24 Horas: "Adxudicadas as obras de mellora dos interiores de Ortoñiño e As Cortes nas que se investirán 152.729 euros"

Imaxe do lugar de Ortoñiño