[27-02-2011] O Concello de Ames está vixiando moi de preto a todas as promotoras e propietarios de terreos para que cumpran coa normativa urbanística en vigor, así como para que deixen en perfecto estado as vías e espazos públicos que lindan cos terreos onde se realizan as construcións. Dende o departamento de disciplina urbanística estanse realizando propostas de resolución de apercibimento a diferentes propietarios de terreos. No caso de que non cumpran cos seus deberes de conservar en bo estado a súas parcelas e solares adoptaranse medidas disciplinarias coa imposición de multas coercitivas. Esta semana ditáronse dúas resolucións a través das cales se impuxeron unhas primeiras multas coercitivas de 500 e 300 euros, dependendo da gravidade da infracción cometida por incumprimento das ordes de execución ditadas.
O Concello de Ames está realizando un control moi exhaustivo co fin de que todos os propietarios de terreos ou solares cumpran coa normativa vixente en materia de seguridade, salubridade e ornato público. Deste xeito, previa tramitación do correspondente expediente, e ante o incumprimento dos propietarios procederase por parte da Administración local á imposición de multas coercitivas.
Esta semana impuxéronse as primeiras multas económicas de 500 e 300 euros a dous propietarios de terreos que incumpriron coas ordes de execución ditadas.
Por unha banda un propietario foi sancionado cunha primeira multa coercitiva de 500 euros por non manter a súa parcela, que está situada na rúa Madalena do Milladoiro, nas condicións axeitadas de seguridade. A este propietario requiríuselle executar os traballos de reposición dunha beirarrúa, así como reforzar o valado que pecha a parcela onde se comezou a executar a obra coas condición necesarias de seguridade, salubridade e ornato público. Ademais, foi sancionado outro propietario cunha primeira multa coercitiva de 300 euros polo claro estado de abandono que se atopa unha parcela que está situada na localidade do Milladoiro.
Obra na rúa Madalena
A Xunta de Goberno Local, na sesión do 23 de maio de 2007, concedeu unha licenza de obra para a construción dun edificio de 48 vivendas e locais comerciais na rúa Madalena do Milladoiro. Nesta licenza impoñíase un prazo de execución da obra de 3 anos. A día de hoxe esta obra está paralizada e tan só se realizou unha escavación no chan co fin de comezar a construción da estrutura do edificio. A obra leva parada dende outubro de 2009 e non se fixo ningunha actuación dende ese momento.
Posteriormente, o 10 de novembro de 2010, incoouse un expediente de declaración de caducidade da licenza de obra concedida para a construción do devandito edificio. Por mor do estado de paralización da obra producíronse unha serie de irregularidades tales como que o valado que pecha o recinto de obra non estaba ben amarrado ao chan e nas zonas laterais co consecuente perigo que iso supón para os viandantes que pasan por esta rúa xa que poderían esvarar e caer no foso que se escavou. Outras das irregularidades atinxen ao estado do pavimento da beirarrúa, que presenta un gran deterioro, e a colocación dun guindastre dentro da parcela que podería ocasionar danos persoais ou nos bens inmobles que están próximos.
Reparación da beirarrúa
Debido a iso o pasado 29 de outubro de 2010 iniciouse un expediente de orden de execución por motivos de seguridade, salubridade e ornato público aos novos propietarios do solar. Deste xeito requiríuselle, co fin de evitar riscos para a veciñanza do lugar, retirar a grúa de obra que estaba instalada no solar, reforzar o valado que delimita o lugar da obra e arranxar o pavimento da beirarrúa.
En novembro de 2010 retiraron a grúa pero non adoptaron ningunha das demais medidas requiridas. En decembro de 2010, mediante un novo decreto de Alcaldía, requiríuselle de novo para que procedesen a efectuar os traballos ordenados e que estaban pendentes, coa advertencia de que en caso de incumprimento procederíase a impoñerlle unha primeira multa coercitiva que será reiterada mes a mes ata que cumpran co ordenado.
Transcorrido o prazo de 20 días concedidos para cumprir coa execución desde traballos pendentes e a vista de que non foron executados con data de 22 de febreiro de 2011, impúxose unha primeira multa coercitiva por importe de 500 euros que son reiterables cada mes ata que ese tramo da rúa Madalena estea nas condicións necesarias de seguridade para os viandantes.
Ao igual que este expediente, na actualidade no departamento de disciplina urbanística existen varios expedientes en tramitación, por incumprimento de ordes de execución, tanto por traballos de acondicionamento de locais, como por limpeza de solares, que se atopan en fase de apercibimento, polo que durante as vindeiras semanas previsiblemente se ditarán novas multas económicas.
Normalmente, os propietarios soen cumprir co ordenado no momento en que lle chega a notificación do correspondente expediente polo que os devanditos expedientes se acaban arquivando. Non foi o caso dos dous anteriores propietarios que terán que aboar unha multa coercitiva por incumprimento en base aos informes realizados polos servizos de disciplina urbanística.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames multa a las obras que estropean las vías y a las que no comienzan"




