Pestanas principais

A Administración local ten previsto recadar 1.003.350 euros co cobro de dous impostos

Mércores, 20 de abril de 2011

[20-04-2011] A partir do día 1 de maio ábrese o período impositivo voluntario para efectuar o pagamento do imposto de vehículos de tracción mecánica e da taxa por instalación de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo, situados en terreo de uso público municipal. Os contribuíntes poderán efectuar os seus pagamentos nas entidades bancarias colaboradoras que figuran nos documentos de pagamento enviados aos contribuíntes. A veciñanza amiense tamén pode efectuar o pagamento deste dous impostos a través da Oficina Virtual Tributaria. No caso de perda do devandito documento o obrigado tributario poderá obter un duplicado nas oficinas municipais de xestión tributaria. O prazo para o cobro rematará o día 30 de xuño.

O goberno local aprobou en Xunta de Goberno local o padrón fiscal do imposto sobre vehículos de tracción mecánica do ano 2011 e o padrón municipal da taxa por instalación de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo, situados en terreo de uso público municipal, así como industrias na rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfica para o mesmo exercicio. A través destes dous impostos o Concello de Ames ten previsto recadar 1.003.350,95 euros.

O imposto sobre vehículos de tracción mecánica aportará ás arcas municipais un total de 991.106,91 euros, en concepto de recadación polos 15.285 vehículos inscritos. Pola súa banda, o cobro da taxa por instalación de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo, situados en terreo de uso público municipal, así como industrias na rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfica aportará un total de 12.244,04 euros correspondentes a 64 liquidacións. A base impoñible sobre a que se determina a cota tributaria se calcula sobre os metros cadrados ocupados en terreo de uso público e inclúese a tarifa por expedición de documentos administrativos (carné de vendedor ambulante).

O período para facer efectivas as cantidades tamén comezará dende o día 1 de maio para rematar o 30 de xuño, ambos os dous inclusive.

Formas de pagamento

A cidadanía amiense que teña que efectuar algún destes pagamentos poderá facelo nas entidades bancarias que colaboran co servizo de recadación. Todas aquelas persoas que desexen ser atendidas ou realizar calquera tipo de suxestión poden acudir ás oficinas municipais de xestión tributaria. En Bertamiráns estas oficinas están situadas na rúa de Entrerríos, número 6. O horario de atención ao público será de luns a xoves de 8:30 h. a 14:30 horas pola mañá e de 16:15 h. a 18:30 horas en horario de tarde. Os venres as instalacións permanecerán abertas de 8:30 h. ata as 14:30 horas. No caso do Milladoiro, poderase acudir ás dependencias municipais desta localidade, situadas na rúa do Agro do Medio. Neste caso o horario de atención ao público será dende as 9:00 h. ata as 14:00 horas de luns a venres.

Oficina Virtual Tributaria

Outra alternativa é efectuar o pago destes impostos por vía telemática, a través da Oficina Virtual Tributaria. Para acceder á oficina virtual tributaria hai que entrar na web municipal. Unha vez aí podes premer no banner que hai na páxina principal ou ir a sección de Ames Dixital onde atoparás unha ligazón que indica Oficina Virtual Tributaria. Para entrar no panel de xestión podes empregar tres vías, sempre e cando os contribuíntes dispoñan dos instrumentos correspondentes que se precisan en cada caso para facilitar o acceso.

A primeira vía implica ser titular da certificación dixital en vigor da Fabrica Nacional de Moeda e Timbre. Outra opción é a través do servizo de Banca Electrónica daquelas entidades colaboradoras que asinen o correspondente convenio da Oficina Virtual Tributaria co Concello de Ames. Nestes intres a Administración local ten asinado un convenio con Nova Caixa Galicia para poder acceder á oficina virtual tributaria a través de Caixa Activa ou Caixa Xestión.

Por outra banda, existe a posibilidade de que mediante o DNI electrónico se poida empregar a oficina virtual tributaria. Para poder empregar esta terceira vía de acceso o usuario deberá dispor de DNI electrónico e coñecer a clave para utilizar os certificados do mesmo.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames alcanza los 15.000 vehículos y recauda un millón"