[07-06-2018] A directiva do Motoclub Ameixenda emitiu un comunicado hoxe no que manifesta que se apraza para o vindeiro domingo, 17 de xuño, o Gran Premio de Supercross Concello de Ames. Este evento íase realizar este domingo, 10 de xuño, pero debido as desfavorables condicións meteorolóxica que se prevén para o día do evento, optouse por aprazar esta competición atendendo ao cumprimento das garantías de seguridade e de funcionalidade no desenvolvemento da proba, e tendo tamén moi en conta o benestar dos pilotos, acompañantes e do público en xeral.
Deste xeito, o Motoclub Ameixenda, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, organizan para o vindeiro domingo, 17 de xuño, a proba de supercross “Gran Premio de Supercross Concello de Ames 2018”, que se desenvolverá no circuíto SX “Alex de Moure”, situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda. Este recinto de máis de 17.000 metros cadrados conta cun amplo aparcadoiro, situado a escasos metros da pista de competición, e cunhas condicións óptimas tanto para a práctica do deporte como para contemplación desta modalidade deportiva.
Nesta proba participarán os mellores pilotos de supercross de toda Galicia. Trátase da primeira proba que se celebra este ano en Ames, organizada polo Motoclub Ameixenda. O prazo de inscrición estará aberto ata o xoves, 14 de xuño, as 22.00 horas. As inscrición pódense tramitar en motoclubeameixenda.gal/inscricion. Os participantes, que se inscriban nesta proba de supercross, estarán divididos en dez categorías diferentes: féminas, elite, veteranos +38, promoción, hobby (pilotos noveis en competición), promesas 85 cc, promesas, alevíns +8 anos, alevín -8 anos, e alevíns.
Ademais, contémplase a posibilidade de crear dúas novas categorías: clásicas e pit-bike, sempre que, tanto sós como xuntos, sumen un mínimo de 7 pilotos, e con un mínimo de tres pilotos por categoría. No caso de que nunha categoría non se chegue a un mínimo de 7 pilotos poderíanse xuntar os pilotos nunha única proba e puntuarse por separado cada categoría.
Pola mañá, entre as 9:00 e as 11:00 horas, desenvolveranse as verificacións técnicas e administrativas. De seguido, a partir das 11:00 horas, os pilotos participarán nos adestramentos libres e de clasificación. Este é o momento no que os deportistas toman contacto coa pista na que van ter que competir e mostrar as súas habilidades. Ás 16:00 horas dará comezo a proba que se compón de dúas mangas por categoría. Ao remate da proba realizarase a entrega de trofeos.