Pestanas principais

Adíase a carreira de obstáculos “Moitos camiños, mesma meta” ao vindeiro venres, 17 de marzo

Xoves, 09 de marzo de 2023

Por mor da previsión meteorolóxica, a carreira de obstáculos “Moitos camiños, mesma meta”, inicialmente prevista para este sábado, día 11, celebrarase finalmente o vindeiro venres 17 de marzo, ás 17:30 horas, no parque verde central do Milladoiro (parque das piscinas). Os dorsais poderán recollerse a partir das 17:00 horas. Co cambio de data tamén se amplía o prazo para anotarse (ata o vindeiro xoves 16, ás 23:59 horas). A inscrición, de balde, pode realizarse en liña premendo nesta ligazón, ou ben de forma presencial, nas oficinas dos Servizos Sociais do Concello, sitas no Milladoiro (rúa de Abaixo, número 10) e en Bertamiráns (praza de Chavián, s/n). A proba forma parte da programación da Concellería de Igualdade polo 8M.

“Moitos camiños, mesma meta” é un evento deportivo no que as persoas participantes deberán enfrontarse a doce obstáculos distintos ao longo de 1.500 metros, que se poden recorrer correndo ou andando. Non se trata dunha cita competitiva, senón dunha proba feminista que busca reivindicar as dificultades ás que se enfrontan todas as mulleres no seu día a día. Cada un dos atrancos simbolizará un reto distinto.

O recorrido poderase realizar de maneira individual ou con compañía, co fin de pasar un anaco lúdico. Ademais, búscase fomentar a participación do público familiar e propiciar o debate social sobre aspectos como a conciliación ou a corresponsabilidade.

No evento estará tamén presente a Plataforma Feminista de Ames, que preparará unha actividade musical para os e as participantes da carreira. Ademais, as súas representantes acudirán caracterizadas como algunhas das mulleres máis relevantes ao longo da historia.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Adíase a carreira de obstáculos 'Moitos camiños, mesma meta' ao vindeiro venres, 17 de marzo"

Cartaz da carreira "Moitos camiños, mesma meta"

Multimedia

  • Adíase a carreira de obstáculos “Moitos camiños, mesma meta” ao vindeiro venres, 17 de marzo