Pestanas principais

Adíase até o sábado 14 a volta do mercado de rúa ao centro de Bertamiráns

Venres, 06 de novembro de 2020

Estaba previsto que este sábado día 7 de novembro, os postos do mercado de rúa de Bertamiráns volvesen a súa antiga ubicación nas rúas Ameneiral e Entreríos e ocupasen tamén a praza do Concello para poder cumprir as medidas de distancia e seguridade que dita o regulamento da Xunta na loita contra a pandemia da COVID19. Durante toda esta semana, a través da concellaría de Promoción Económica, procedeuse ao repintado e acondicionamento dos espazos para adaptalos a nova normativa. Porén, está pendente ultimar coa Policía Local e Protección Civil o establecemento dalgúns criterios para o bo desenvolvemento de esta actividade comercial, polo que este sábado, día 7 de novembro, o mercado de rúa desenvolverase aínda na rúa do Sar, espazo no que está instalado desde o mes de xuño. Prevese que o día 14 estea todo preparado para que o mercado poida instalarse de novo no centro de Bertamiráns.

A volta do mercado ao centro da vila, situándose nas rúas que xa ocupaba e a maiores a praza do Concello, foi consensuada cos vendedores ambulantes que elixiron esta opción entre outras que propuñan quendas de mañá e de tarde ao 50% ou sábados alternos nos que cada semana acudirían a metade dos vendedores. A alternativa de manter o sábado todos os postos, alongando o territorio do mercado á praza do Concello para respectar as distancias hixiénico sanitarias que impón a Xunta na loita contra a pandemia, foi a opción máis votada e pola tanto a que determinou o xeito de reubicación do mercado no centro da vila.

As rúas Ameneiral e Entreríos e a praza do Concello acollerán por tanto o mercado de rúa de Bertamiráns. Será a partir do sábado 14. Malia que durante toda a semana se traballou no acondicionamento dos espazos, quedan algunhas cuestións de coordinación coa Policía Local e con Protección Civil, como o xeito de circulación para as entradas e as saídas e outros detalles das normas hixiénico sanitarias a seguir, que obrigan a adiar a reubicación esta semana.

Motor económico
“Era unha prioridade para o departamento de Promoción económica que o mercado volvese ao centro -manifesta a concelleira de Promoción Económica Ana Belén Paz- somos conscientes de que o mercado é un dos motores económicos máis importantes do noso concello, actúa como reclamo para moitas persoas da bisbarra que acoden a mercar nos seus postos pero que de paso visitan outros establecementos comerciais da vila”.

Desde o mes de xuño o mercado de rúa de Bertamiráns situouse temporalmente na rúa de Sar, un emprazamento con dous carrís, sen construcións aos lados, que permitiu o desenvolvemento correcto da actividade tal e como obrigan as normas sanitarias e dita o regulamento da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19. A decisión deste cambio respondía á necesidade de cumprimento dunha serie de normas hixiénico sanitarias derivadas da loita contra a pandemia e tomouse tamén de xeito consensuado con representantes do colectivo e coa asociación de comerciantes de Bertamiráns XEA, co obxectivo de que puidesen estar no mercado o cen por cen dos postos.

Agora, e tendo en conta que o comercio ambulante precisa para o desenvolvemento óptimo da súa actividade localizacións que o protexan das inclemencias metereolóxicas e a rúa do Sar no cumpre os requisitos de gorecer o mercado do vento e a chuvia que caracterizan esta estación, ademais da característica de que o mercado ambulante funciona como eixo de atracción de consumo de bens e servizos, leva á concellaría de Promoción Económica a tomar a decisión de volver a situalo no centro da vila.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames aplaza al día 14 la vuelta del mercadillo de Bertamiráns a Entrerríos y Ameneiral y a la plaza del Concello"

El Correo Gallego: "Aprazada ata o sábado 14 a volta do mercado de rúa ao centro de Bertamiráns"

Revista AmesGo: "O mercado de rúa de Bertamiráns volverá o 14"

Rúa do Ameneiral