[29-06-2016] Onte o alumnado dos cursos da Oficina de Voluntariado de Ames dixéronse “até logo” cun acto no que as Escolas Integrais de Maiores contaron con gran protagonismo. O “Combo Atrevido” formado polas alumnas do Bertamiráns arrincou risas e aplausos a esgalla do auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, mentres que os alumnos e alumnas da de Milladoiro conseguiron que máis de un se botase a cantar. A concelleira Isabel González rematou o acto entregando diplomas das distintas actividades e agradecendo o traballo altruísta e desinteresado que fan todos e todas os/as voluntarios/as do concello que fan que o noso concello sexa un referente en Voluntariado.
Abriu o acto o coordinador da OVA, Rubén Ramos o encargo de todas estas actividades e programas funcionen e se leven a cabo, acompañado polos mestres das Escolas Integrais de Maiores, “Antonio e Antonia, que xa levan 10 e 8 anos aquí con nós”. O coordinador de voluntariado agradeceu a todas e todos os presentes o esforzo realizado e a atención e dedicación dos voluntarios e voluntarias. Antonia tomou a palabra querendo mostrar a súa admiración polas súas alumnas: “Hai ganas non só de pasalo ben, senón tamén de medrar, a pesar da nosa idade. De medrar como persoas”. Admitiu que grazas as súas estudantes “comeza cada curso con ilusión”. Antonio tamén agradeceu as súas alumnas o traballo feito e a dedicación e para esta clausura prepararon unha actuación.: “Os meus alumnos cantarán unhas cancións".
Antes de que comezasen as actuacións Antonio, mestre da escola de Bertamiráns, quixo agasallar ao auditorio cun poema de Saramago: “Que cantos anos teño?”. Ese no que o escritor portugués respóndese a si mesmo: “Teño a idade que quero e sinto!”. E ese sentimento demostraron todos os alumnos e alumnas ao subirse ao escenario. Comezou o Combo Atrevido, formado por un grupo de mulleres guerreiras e con moito ritmo que se lanzaron a bailar.
Despois do baile do Combo Atrevido subiron ao escenario os e as estudantes de Antonio. Cantaron a capella “Costa da Morte”, relato musical do afundimento do HMS Serpent en Camariñas, e “Catro vellos mariñeiros”. Para a derradeira canción convenceron entre sorrisos ao seu mestre, que accedeu a subir ao escenario para acompañalos. O coro deixou o escenario para acompañar ao resto do público no visionado dun vídeo creado polo coordinador da OVA. Nel proxectábanse fotografías de todos os cursos e actividades levados a cabo ao longo do curso: dende o roupeiro municipal e as clases de reforzo para alumnado, as escolas de maiores, transporte adaptado, Amessan, curso de Viticultura, curso de español para extranxeiros.
A tarde rematou coa reparto de diplomas entre as persoas que participaron neste ano nas actividades da OVA. A concelleira de Voluntariado e Participación Veciñal, Isabel González, foi a encargada de entregalos. Algunhas das presentes recibiron certificación por partida dobre: como mestras e como alumnas. A concelleira quixo agradecer outra vez a labor desempeñada polos voluntarios e voluntarias, pero tamén a dedicación e ánimo que poñen os alumnos e alumnas en cada actividade. “Repoñede forzas no verán para comezar de novo o curso con ganas”, dixo ante o auditorio, “nós seguiremos traballando para mellorar os servizos de voluntariado e as actividades que organizamos”. A concelleira adicou unhas palabras ao coordinador da OVA, “unha persoa que sempre está aí para o que faga falta. Sen el todo isto non sería posible”, finalizou.




