- Tematica
A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este xoves, 1 de decembro, a décimo segunda edición das xornadas Achégate á Igualdade, que están enmarcadas dentro do programa do Concello de Ames con motivo do 25-N. Trátase dunha serie de conferencias e mesas redondas sobre violencias machistas que están abertas a todo o público interesado, dende expertos na área ata educadores e educadoras, docentes, profesionais da psicoloxía, da orientación, da administración pública e pais e nais. Este ano as xornadas contarán coa intervención da activista e escritora feminista Amelia Tiganus.
Esta décimo segunda edición de Achégate á Igualdade abordará temas como a adolescencia e as sexualidades, a influencia do inconsciente pornográfico, o coidado das persoas vítimas de violencia de xénero e a violencia sexual dende o punto de vista da ética e as estratexias feministas. Un ano máis, poderase participar tanto de maneira presencial como a través dun servizo de streaming, e para anotarse é necesario enviar un correo electrónico ao enderezo achegate22@gmail.com, indicando nome, apelidos e forma de asistencia (en persoa ou virtualmente).
Nesta ocasión, as xornadas contarán coa participación da escritora Amelia Tiganus. Tiganus, activista feminista que foi vítima da trata de mulleres e de explotación sexual, que é a fundadora da Asociación para la Emancipación de Mujeres y Niñas (Emargi), enfocada na loita por un futuro libre de violencias sexuais. Entre os libros que publicou destacan La revuelta de las putas (2021) ou Amelia. Historia de una lucha (2021).
Por outra banda, a activista participa de maneira asidua en obradoiros e charlas sobre a prostitución por todo o territorio español, así como noutros países de Europa e de América Latina, e tamén ten recibido numerosos premios e recoñecementos pola súa labor en pro dos dereitos humanos.
Programa da XII edición de Achégate á Igualdade
O programa dará comezo ás 9:30 horas, cunha mesa de apertura institucional. Posteriormente, ofrecerase a primeira conferencia, “Adolescencias e sexualidades: influencia do inconsciente pornográfico”. Será presentada polo psicólogo Juan Carlos Permuy, coordinador do programa “coidadosÁmente”, e contará coa presenza da psicóloga e sexóloga Vanesa Rodríguez Pousada, que é vicepresidenta da Sociedade Galega de Sexoloxía (SOGASEX) e membro da directiva da Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia (ASEIA).
Ás 11:30 celebrarase a mesa redonda, na que intervirán a terapeuta do Programa de atención psicolóxica a mulleres que sofren violencia de xénero do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), Concepción Rodríguez, a directora do centro de acollida de mulleres vítimas de violencia machista en Ferrol, Chus Olivares; e a directora do Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Ames, María Teresa Arufe. O coloquio estará moderado por Mónica Antelo, psicóloga do CIM.
Para pechar o programa, ás 12:30 horas haberá unha segunda conferencia, “Construíndo un mundo sen violencia sexual: ética e estratexias feministas”, que será presentado pola psicóloga Belén Montesa, coordinadora dos programas de prevención “coidadosÁmente”, e protagonizada por Amelia Tiganus.
A Librería Lenda, en colaboración co Concello de Ames, poñerá a disposición dos asistentes exemplares dos libros de Tiganus á venda, que a propia autora firmará ao remate do evento.
O programa completo das xornadas pódese descargar premendo nesta ligazón.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Amelia Tiganus pondrá el problema de la prostitución sobre la mesa en Ames, en el marco de las jornadas Achégate á igualdade"
El Correo Gallego: "Jornada sobre igualdad con Tiganus este jueves"