[10-01-2012] O Concello de Ames ofertou unha ampla variedade de actividades para este Nadal que tiveron boa acollida entre os veciños e veciñas deste municipio, especialmente entre os máis novos da casa. O inicio do programa marcouno o acendido das luces de Nadal o 17 de decembro e o remate das actividades veu da man do III partido benéfico de baloncesto Concello de Ames celebrado o sábado 7 de xaneiro. En xeral as actividades contaron con gran afluencia de público como aconteceu co Festival de Maxia, o festival de corais, a chegada dos reis magos, o partido benéfico ou o servizo de ludoteca que funcionou os días 19 e 26 de decembro e o 2 e 5 de xaneiro e permitiu que os pais que o desexasen puidesen efectuar as compras navideñas en Ames.
O balance de acollida das actividades do programa de Nadal deste ano é moi positivo. Unha das actividades que máis afluencia tivo foi o Festival de Maxia que se celebrou en Milladoiro e en Bertamiráns durante a fin de semana do 17 e 18 de decembro. Esta actividade organizada pola concellaría de Cultura, Educación e Patrimonio achegou á cidadanía amiense o espectacular mundo dos magos. Cinco ilusionistas sorprenderon e entretiveron a adultos e nenos cos seus trucos de maxia. Na localidade de Bertamiráns o Ames Máxico celebrouse o sábado 17, mentres que no Milladoiro foi o domingo 18. En Bertamitáns participaron en total 182 persoas, 77 adultos e 105 nenos; no Milladoiro participaron 177 persoas, 95 adultos e 82 nenos e nenas, ademais arredor de 50 persoas que non puideron conseguir entrada na Casa da Cultura de Milladoiro por falla de aforo, puideron gozar tamén dun espectáculo máxico, pero no Mago Móbil. Polo tanto, máis de 400 persoas acudiron a ver o Festival de Maxia este ano.
Outra das actividades que tradicionalmente triunfa entre os nenos e nenas é a visita dos Reis Magos. Este ano as súas maxestades de oriente chegaron a Ames nun espectcular coche descapotable. Os Magos chegaron o día 5 de xaneiro pola tarde e fixeron a súa primeira parada no pavillón de Milladoiro ás 18.00 horas, mentres que ao pavillón de Bertamiráns chegaron media hora máis tarde. Centos de nenos e nenas acudiron acompañados das súas familias á recepción real que durou varias horas nas que os máis pequenos puideron conversar cos Reis e pedirlles os seus agasallos. Durante este acto tamén se entregaron os premios aos nenos e nenas gañadores do concurso de cartas de Nadal.
O III partido benéfico de baloncesto Concello de Ames tivo tamén un éxito rotundo. O principal obxectivo deste partido era recadar diñeiro para Paula, unha nena que padece agenesia sacra. Ao partido entre o XL Milladoiro e un equipo de famosos estre os que estiveron Pepo Suevos, Óscar Pereiro, Xavier Deive, Terio Carrera, David Amor e Federico Pérez, asistiron centos de persoas e recadáronse 2.600 euros. O avó de Paula estivo no evento e agradeceu a colaboración do Concello de Ames para recadar diñeiro para o tratamento da enfermidade da nena.
Outras actividades que se levaron a cabo con éxito e boa afluencia de público foron o concerto de corais, o IX Trofeo de Nadal de Karate Concello de Ames, o mercado de troco, o espectáculo de As Dríadas In-Nova, unha xornada de xogos acuáticos na piscina municipal de A Telleira, proxeccións de películas e as obras de teatro "Area e Auga" da compañía Teatro del Andamio e "Oh que bonito é Panamá" de Panamesiana Teatro.
A solidarieadade non faltou neste Nadal no que tamén se levou a cabo dende a oficina de Voluntariado do Concello de Ames unha campaña de recollida de xoguetes grazas á cal 216 nenos tiveron recibiron agasallo de Reis este ano. Outro dos servizos que se prestaton foi o servizo de ludoteca ao que asistiron 91 nenos en Milladoiro e 106 en Bertamiráns.
O Concello tampouco se esqueceu nestas datas dos maiores que puideron divertise nas sesións de baile celebradas no Local Social de Milladoiro o 11 e o 15 de decembro e na casa da Cultura de Bertamiráns o 18 e o 22 de xaneiro.
No programa de Nadal participaron varias concellerías como as encargadas das áreas de cultura, deportes e voluntariado, medio ambiente ou Promoción económica.
Valoración do alcalde, Santiago Amor
O alcalde de Ames, Santiago Amor, valora de xeito positivo o transcorrer das actividades de Nadal. Amor agradece o traballo e a colaboración que prestaron os traballadores municipais para levar a cabo este programa e explica que "se fixo un esforzo económico por manter as actividades que tradicionalmente se facían nestas datas". Para o rexedor é moi importante o esforzo dos traballadores municipais e agradece a súa implicación. Santiago Amor agradeceu tamén a colaboración que prestaron as asociacións de comerciantes de Ames para poñer a iluminación de Nadal este ano.




