Pestanas principais

Acordeóns, autores e autoras noveis e Cervantes na celebración do Día do Libro en Bertamiráns

Domingo, 24 de abril de 2016

[24-04-2016] Un ano máis a veciñanza amesá achegouse ata Bertamiráns para, xuntos e xuntas, conmemorar o Día do Libro participando da feira literaria que organizou o goberno municipal na praza do Concello. Beatriz e Xabier Blanco, integrantes do grupo Tiberevi, puxeron a música cos seus acordeóns diatónicos. Os gañadores e gañadoras da décimo segunda edición do Certame Literario do Concello de Ames e as distintas persoas que se achegaron a trocar, deixar, ou mercar libros, déronlle vida á praza do Concello.


Despois do concerto de Lydia Botana a actividade trasladouse de novo á praza do Concello. Manuel Núñez Singala, escritor, veciño amesán -e este ano membro do xurado do XIII Certame Literario do Concello de Ames- presentou, a súa última publicación: a novela Camiños na auga. O escritor e crítico literario, Armando Requeixo, acompañouno no acto. Trala introdución á súa novela o autor prestouse a firmar os exemplares do público.


Varios temas do novo traballo de Tiberevi, Mentres as baleas dormen, soaron antes e despois dunha lectura de textos presentada pola xornalista Nazaret López. Na carpa varias librerías colocaron os seus postos, e habilitouse un recuncho de troco de libros do que gozou sobre todo do público máis novo. Á sombra dunha das árbores da praza varios libros descansaban nun banco, agardando a ser adoptados por algunha das persoas que se paseaban pola praza. Miguel de Cervantes agardaba noutro recuncho, adicado a este autor en cuxa honra comezouse a celebrar, coincidindo co aniversario do seu pasamento, o Día do Libro. Este 23 de abril cumpríronse 400 anos dende o día da súa morte.

Noutra carpa as nenos e nenos podían participar nun obradoiro de elaboración de colgadores para as portas. Avisos para alertar aos demais membros da casa da presencia nunha habitación dunha persoa inmersa na lectura dun libro. Ao remate do obradoiro o público novo trasladouse á Casa da Cultura de Bertamiráns. Alí a música Lydia Botana embarcounos nunha viaxe arredor da música -os ritmos, os instrumentos- de distintos países do mundo.


"Ler fainos libres", con esas palabras a concelleira de Comunicación e Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaquero, daba a benvida ás persoas reunidas na carpa da Feira do Libro. Introducía así a presentación do libro que recolle os traballos gañadores do XII Certame Literario do Concello de Ames, "no que participaron máis de 100 persoas o ano pasado". Autoras e autores que participaron nesta pasada edición subíronse ao escenario para ler pasaxes das súas obras, tanto en prosa como en verso. A aqueles e aquelas que non se puideron achegar substituíronos outros dos autores ou autoras presentes. O libro íntegro publicarase esta semana na páxina web municipal.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Música y literatura honraron a Cervantes en Bertamiráns"
La Voz de Galicia: "La praza do Concello acoge la Feria de libros, trueque, talleres y música"