Pestanas principais

Acórdase crear unha plataforma veciñal para abordar a humanización da avenida de Rosalía de Castro do Milladoiro

Martes, 30 de xaneiro de 2018

[30-01-2018] Este luns pola tarde realizouse unha xuntanza veciñal no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro para abordar a problemática do tráfico na N-550 ao seu paso pola avenida Rosalía de Castro. En dito acto participaron os concelleiros e concelleiras dos sete grupos políticos con representación na corporación municipal e medio cento de veciños e veciñas do Milladoiro. A xuntanza foi un dos acordos alcanzados entre as sete forzas como mecanismo de participación da veciñanza e que por primeira vez se desenvolveu no Concello. Tras máis de dúas horas de reunión acordouse a creación dunha Plataforma veciñal pola humanización da avenida de Rosalía de Castro, onde tratar as iniciativas a levar a cabo (mobilizacións, regulación semafórica, control de velocidade, recollida de firmas...), a realización dun estudio de impacto ambiental e acústico, incluír a solicitude da construción dunha senda peonil ata Santiago de Compostela dentro das reivindicacións ao Ministerio de Fomento e analizar outras experiencias.


Acordos acadados coa veciñanza
Despois dunha reunión de máis de dúas horas de duración acordouse a posta en marcha de varias iniciativas como é a creación dunha Plataforma veciñal pola humanización da avenida de Rosalía de Castro, onde se traten as accións que se poidan levar a cabo como mobilizacións, regulación semafórica, control de velocidade, recollida de firmas, etc. A xuntanza valorada de forma positiva como primeira toma de contacto entre a corporación municipal e a veciñanza do Milladoiro cara ao obxectivo común de demandar unha solución para acabar co tráfico de vehículos na avenida de Rosalía de Castro.

Ademais, acordouse facer un estudio de impacto ambiental e acústico, incluír a construción dunha senda peonil ata Santiago de Compostela dentro das reivindicacións ao Ministerio de Fomento e analizar outras experiencias de cidades que xa pasaron por unha situación parecida.

Por último, na xuntanza de onte lembrouse que a corporación municipal solicitou unha xuntanza co Ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, para que reciba a unha representación da corporación de Ames. Tamén se instou á Xunta de Galicia e á conselleira de Infraestruturas para que medie entre as dúas Administracións, o Concello e o Ministerio, na procura dunha solución o máis rápida posible. Asemade, instouse ao Ministerio de Fomento a dar unha solución inminente á problemática do tráfico na N-550, puntos do acordo inicial entre as forzas políticas.

O alcalde de Ames, José Miñones, foi o encargado de abrir a reunión para facer un relatorio dos trámites e iniciativas levadas a cabo durante os últimos anos por parte do Concello de Ames, para tratar de solucionar o problema de tráfico que ten que soportar a veciñanza do Milladoiro debido a gran cantidade de vehículos que pasan diariamente pola N-550, ao seu paso pola avenida de Rosalía de Castro. No pasado mes de novembro os concelleiros e concelleiras dos sete grupos políticos con representación na corporación municipal chegaron a un acordo para tratar de humanizar a avenida de Rosalía de Catro como punto peonil e de esparexemento para a veciñanza, sen limitar as actuacións unicamente á redución do tráfico.

José Miñones deu conta dunha relación de escritos remitidos, ao longo dos últimos anos, tanto á Xunta de Galicia como ao Ministerio de Fomento. Así mesmo, tamén se abordaron os diferentes escritos remitidos entre as diferentes Administracións: un informe remitido pola Concellaría de Urbanismo no mes de xuño de 2010 sobre os corredores da variante da Nacional e outros dous documentos gráficos sobre os diferentes nós que, no seu día, se estaban a estudar. Nesta xuntanza tamén se aportou información sobre o proxecto de construción dunha rotonda na entrada do Milladoiro.

Trala intervención do rexedor municipal, tocoulle a quenda aos concelleiros/as do resto de grupos políticos que forman parte da corporación municipal. Deste xeito, interviu o concelleiro non adscrito, Javier López, e os/as voceiros/as do BNG, David Santomil, de Pacto por Ames, Ramón García Argibay, de Contigo Pódese, Genma Otero, de Ames Novo, Quique Costas, e do Partido Popular, Oliva Agra. Todos e todas coincidiron na necesidade de buscar unha solución a este problema que levan soportando os veciños do Milladoiro dende hai máis de 20 anos. Para iso falaron de varias posibilidades como a proposta de Ramón Argibay para construír un túnel para desviar o tráfico rodado por debaixo da avenida de Rosalía de Castro, a de Javier López para conseguir a gratuidade da autoestrada AP-9 ou outras de cara a aproveitar a autoestrada AG-56 para realizar unha variante polo corredor AC-522 ata a glorieta das Galanas, situada na N-550.

De seguido, foi a quenda dos veciños e veciñas do Milladoiro que falaron do ruído que teñen que soportar todos os días, os problemas de seguridade viaria, a contaminación e as gretas que saíron nalgúns edificios provocadas pola alta densidade de tráfico que soporta a avenida Rosalía de Castro ou a problemática do tránsito a pe pola SC-20 ata Santiago, punto que foi incorporado ao acordo dos grupos municipais de cara a solicitar a Fomento. Tamén sinalaron que esta debe ser a primeira de máis reunións para tratar de atopar unha solución a este problema.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "O Milladoiro alumbra una plataforma vecinal para humanizar su travesía"
Lindeiros: "Políticos e veciños do Milladoiro coinciden na necesidade de crear unha Plataforma sobre a Nacional 550"
La Voz de Galicia: "Vecinos y fuerzas políticas crean una plataforma para exigir ya soluciones viarias en Milladoiro"
La Voz de Galicia: "Ames busca el apoyo vecinal para exigir a Fomento una solución para la N-550"
La Voz de Galicia: "Santiago señaliza la vía de uso peatonal y ciclista desde O Milladoiro"