Pestanas principais

Accede á Mediatec@mes para ver os vídeos máis destacados do Concello de Ames

Martes, 03 de novembro de 2020

O Concello de Ames dispón de diversas canles de comunicación, para informar á veciñanza de Ames da actualidade e actividades municipais. Na páxina web municipal, accedendo ao apartado de Atención cidadá, información e participación e premendo na opción de Comunicación municipal chégase ás diferentes posibilidades que existen de Medios de comunicación municipais. Un dos apartados que se está tratando de potenciar é a Mediatec@mes, onde se recollen os vídeos máis destacados do Concello de Ames. Á Mediatec@mes tamén se pode acceder dende un banner que está ao pé da páxina de inicio da web municipal. Ademais, existe un sistema personalizado de envío de avisos, actualidade e axenda municipal (a través de RSS, correo electrónico e Telegram), así como diferentes contas de redes sociais en Twitter, Facebook e Instagram.

A nova web municipal inclúe novidades no relativo á Comunicación municipal. Accedendo ao apartado de Atención cidadá, información e participación e premendo na opción de Comunicación municipal chégase as diferentes posibilidades que existen de “Medios de comunicación municipais”.

Unha das opcións existentes é o apartado de Videoteca, dende onde se pode acceder á Mediatec@mes. Trátase dun novo espazo multimedia cos vídeos e fotografías máis destacadas do Concello. Neste espazo hai material multimedia catalogado en diferentes espazos: Plenos, eventos, turismo, cidadanía e galería de imaxes. No apartado de plenos pódese acceder ao portal de Videoactas. Ademais, existen outros apartados que recollen material videografico sobre eventos, turismo e programas para a cidadanía. Tamén existe un apartado para acceder directamente ao apartado de Galería de imaxes.     

Os últimos vídeos cargados no apartado de Cidadanía foron o da presentación do Plan Reactiva Ames, que conta con 99 medidas de reactivación económica e social para o concello de Ames. Tamén se pode ver neste mesmo apartado o vídeo promocional do comercio “En Ames témolo todo!”, e maila mensaxe do alcalde de Ames pola situación derivada da Covid-19. Durante os vindeiros meses os diferentes apartados da Mediatec@mes iranse actualizando con diferentes vídeos de programas e actividades municipais. Á Mediatec@mes tamén se pode acceder dende un banner que está ao pé da páxina de inicio da web municipal.

Sistemas personalizados de envío de avisos, actualidade e axenda municipal
Dentro dos sistemas personalizados de envío de avisos, actualidade e axenda municipal, destacan a canle de RSS; envío de boletíns informativos a través do correo electrónico, e a nova canle de Telegram, creada para informar de avisos e de información de interese municipal (apertura de prazos de inscrición, axenda de actividades, publicación de listas, etc.). Para darse de alta na canle de Telegram hai que buscar Concello de Ames e adherirse. A través da nova web, posta en marcha en xuño de 2019, tamén se mellorou o servizo de envío de boletíns.

Ademais, dentro do apartado de Atención cidadá, información e participación, podemos atopar o servizo de incidencias. De xeito directo, a través dun formulario electrónico, podemos incluír os datos de contacto, achegar imaxes e a xeolocalización do incidente.

Tamén se continúa dando información á veciñanza a través das redes sociais: Facebook e Twitter. O Concello de Ames conta en Facebook con máis de 6.000 seguidores/as, mentres que en Twitter hai 1.650 usuarios/as. Nos últimos anos as redes sociais municipais experimentaron un forte incremento de usuarios/as.

Nova canle de Instagram
No pasado mes de maio reforzouse a aposta polas redes sociais coa creación dunha nova canle de Instagram co obxectivo de informar de todas aquelas actividades que poden ser de interese para a veciñanza amesá. Nesta rede social publícase a cartelería de eventos/actividades organizados polos diferentes departamentos municipais. Tamén se publicarán fotos e vídeos de diferentes eventos e proxectos de interese para a cidadanía. Na actualidade, en Instagram xa se conta con 1.235 followers.

Ao mesmo tempo faise unha aposta pola canle de YouTube, dende onde o pasado 25 de outubro se retransmitiu en directo vía streaming a Gala Máxica Internacional do XV Festival de Maxia de Ames. Asemade, na canle de YouTube estase publicando material audiovisual de diferentes eventos e campañas municipais e tamén se colgarán pezas audiovisuais dos proxectos do Plan Impulsa Ames, que se enmarca na EDUSI, e cofinanciados con fondos europeos do FEDER.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames aposta por manter informada á veciñanza a través de diferentes canles de comunicación"

Mediateca