Pestanas principais

Abril chega ás bibliotecas de Ames cunha chea de contacontos, obradoiros e actividades para conmemorar o Día do Libro

Luns, 08 de abril de 2019

A Concellaría de Educación e Cultura de Ames prepara unha ampla programación para o mes de abril con motivo do Día Mundial do Libro, que se conmemora o vindeiro día 23. Así, realizaranse varias sesións de contacontos nas bibliotecas municipais e nos locais sociais de Augapesada e Bugallido, un obradoiro creativo no Milladoiro e Bertamiráns, actividades relacionadas coa lectura e a iniciativa Literatura na praza. Para participar no obradoiro, dirixido ao alumnado de 3º a 6º de Primaria, será preciso inscribirse antes 15 de abril a través dos teléfonos 981 88 48 29 (Bertamiráns) e 981 53 08 07 (Milladoiro), ou mediante o enderezo de correo electrónico biblioteca@concellodeames.gal. As inscricións tamén se poden tramitar nas propias bibliotecas.

O 23 de abril de 1995 é a primeira vez que a UNESCO conmemora o Día Mundial do Libro e o Dereito de Autor, unha iniciativa que parte de España, país que ven celebrando esta data dende o ano 1930 e que adica por primeira vez un día aos libros en 1926. Así, a partir de entón é tradición que o Día do Libro estea marcado polo intercambio de exemplares, as firmas de libros e a exaltación da literatura ao arredor do mundo. Asemade, co gallo do Día Mundial do Libro, o Concello de Ames intensifica a súa programación cultural este mes co obxectivo de levar a literatura a todos os recunchos do municipio amesá.

Por unha banda, levaranse a cabo varias sesións de contacontos, que están dirixidas a nenas e nenos entre os 3 e os 8 anos. A primeira presentase baixo o título Todo é normal, e celebrarase o mércores 10 de abril na biblioteca de Milladoiro e o xoves día 11 na de Bertamiráns. Ambas comezarán todas ás 17:30 horas.

O día 22 os contacontos chegarán ao rural coa lectura do conto Maruxa no local social de Augapesada ás 18.00h, sesión que tamén se levará a Bugallido ao día seguinte, no mesmo horario. O mesmo luns 22 tamén Biosbardos realizará a lectura de O lobo con botas de El Hematocrítico na biblioteca de Bertamiráns, ás 17.30h. Pola súa banda, na biblioteca do Milladoiro terá lugar a presentación do libro A fada pirata de Carlos Labraña.

Seguindo cos contacontos, o mércores 24 a biblioteca de Bertamiráns acollerá a sesión 1, 2, 3... empeza o contiño xa ás 17.30h. Esta sesión tamén se repetirá ao día seguinte no Milladoiro á mesma hora. Cabe destacar que todas as sesións de contacontos están dirixidas a nenas e nenos entre os 3 e os 8 anos.

Obradoiro “Minicontos: grandes historias en formato pequeno”
Asemade, o martes 23 e o venres 26 de abril, as bibliotecas celebrarán un obradoiro no que os e as cativas poderán desenvolver a súa creatividade para converterse nuns verdadeiros escritores e escritoras de contos. Este taller realizarase o martes na biblioteca do Milladoiro e o venres na de Bertamiráns, a partir das 17.00 horas. Así, o número de prazas será limitado, polo que a inscrición deberá tramitarse entre este luns 8 e o luns 15 de abril a través dos teléfonos 981 88 48 29 (Bertamiráns), 981 53 08 07 (Milladoiro) ou no enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal.

Outras actividades de animación á lectura
Sen embargo, a programación do mes de abril non se limitará a obradoiros e sesións de contacontos, posto que durante toda a semana do 22 levarase a cabo a tradicional solta de libros nas dependencias do concello, nas bibliotecas e nos centros de saúde. Ademais, os usuarios que dispoñan do carné da rede de bibliotecas poderán participar na iniciativa “Cita a cegas” cos libros das bibliotecas municipais.

Dentro da programación especial con motivo do Día do Libro, que se dará a coñecer nos vindeiros días, terá lugar tamén a tradicional Literatura na praza, que concentrará na Praza do Concello de Bertamiráns varios postos de exposición e venta de libros, obradoiros, presentacións e música.

Ligazóns

Abril chega ás bibliotecas de Ames cunha chea de contacontos, obradoiros e actividades para conmemorar o Día do Libro