[27-09-2016] A Concellaría de Deportes informa á veciñanza de que aínda quedan prazas dispoñibles nas Escolas Deportivas Municipais, polo que se abre esta semana unha segunda quenda de matrícula. Desta volta as prazas iranse cubrindo a medida que as persoas se inscriban e ata completar todas as prazas ofertadas. O trámite pódese realizar de forma telemática, enviando un correo electrónico aos enderezos deportes@concellodeames.gal ou deportes.milladoiro@concellodeames.gal, ou acudindo á Casa do Concello ou ao centro sociocultural do Milladoiro, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Nos anexos, que están a túa dereita baixo o epígrafe de descargas, atoparás maior información sobre as prazas que aínda quedan dispoñibles.
Tanto nas escolas do Milladoiro como nas de Bertamiráns aínda quedan prazas libres. En Bertamiráns hai 103 prazas dispoñibles para nenas e nenos nas actividades de ballet, baloncesto, fútbol sala feminino e masculino, judo, patinaxe, predeporte, tenis, voleibol, ximnasia rítmica e xadrez, e 42 de ximnasia de mantemento e pilates para persoas adultas. No Milladoiro ofértanse 28 prazas para persoas adultas, en pilates, aerozumba e ximnasia de mantemento, e 100 para nenas e nenos en baloncesto, fútbol sala, natación, tenis e xadrez.
Concretamente, en Bertamiráns están dispoñibles, para nenas e nenos menores de 14 anos, 2 prazas en ballet, 7 en baloncesto, 4 en fútbol sala, prazas ilimitadas en fútbol sala feminino, 8 en judo, 29 en patinaxe, 11 en predeporte, 4 en tenis, 14 en voleibol, 10 en ximnasia rítmica e 5 en xadrez. No Milladoiro hai 36 prazas libres en baloncesto, 2 en fútbol sala, 14 en natación, 23 en tenis e 5 en xadrez.
Pola súa banda as persoas maiores de 14 anos que queiran participar nas Escolas Deportivas poden escoller, en Bertamiráns, entre 23 prazas dispoñibles de pilates e as 31 prazas de ximnasia de mantemento. No Milladoiro quedan 5 prazas na actividade de aerozumba, 1 en pilates, 8 nas clases de ximnasia de Biduído e 14 en ximnasia de mantemento.
Prezo e comezo das clases
As actividades das Escolas Deportivas comezarán na semana do luns 3 de outubro, rematando a semana do 31 de maio de 2017. Para formar grupo nas distintas modalidades deportivas será necesario que se cubran a metade máis unha do máximo de prazas dispoñibles. O prezo de matrícula nas Escolas é, para menores de 18 anos que se matriculen nunha única escola deportiva, de 32 euros por curso para un membro familiar, de 16 euros para os segundo membro menor de esa idade, e de 8 euros para o terceiro e restantes membros dunha mesma unidade familiar.
As persoas maiores de 18 anos que se matriculen nunha única escola deberán aboar un importe de 48 euros. No caso de matricularse en dúas escolas deportivas as persoas menores de 18 anos anos pagarán 48 euros, cun prezo de 24 e 12 euros para o segundo e terceiro e sucesivos membros respectivamente. As persoas maiores de 18 anos deberán pagar unha cota de 72 euros se se matriculan en dúas escolas.





