[26-09-2016] A Concellaría de Educación e Cultura de Ames informa da apertura dun novo prazo de inscrición nas actividades das Escolas Culturais. Unha vez realizado o sorteo público deste luns 26 de setembro, e adxudicadas as prazas, publícase a relación de aquelas actividades de artes plásticas, baile e teatro nas que aínda non se cubriron todas as prazas ofertadas. As persoas interesadas en matricularse teñen ata o 30 de setembro para facelo. As prazas libres cubriranse por rigoroso orde de inscrición. Premendo a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o relación de prazas libres que quedan por cubrir.

As Escolas de Artes Plásticas, Baile e Teatro aínda teñen prazas dispoñibles. Por ese motivo a Concellaría de Educación e Cultura abre un segundo prazo de inscrición ata o 30 de setembro. Para inscribirse as persoas deberán acudir á Casa da Cultura do Milladoiro ou ao Pazo da Peregrina, en horario de 9:00 a 14:00 horas e, a continuación, aboar o prezo da matrícula. O prezo das actividades é de 50 euros por curso para persoas maiores de 18 anos e de 40 para os menores de esa idade. No caso de familias que inscriban a unha segunda persoa menor de 18 anos o prezo do curso diminuirá a 20 euros, e a 10 se inscriben ademais a unha terceira persoa. As aulas das Escolas Culturais comezarán a principios do mes de outubro e rematarán no mes de maio.
Na Escola de Artes Plásticas quedan 41 prazas libres. En Bertamiráns quedan 7 prazas nos obradoiros de arte miúda para crianzas de 3 a 6 anos, que se imparten os mércores de 18:00 a 19:00 horas, 8 no grupo de manualidades para maiores de 16 anos do martes de 10:00 a 11:30 horas, e 10 no grupo dos mércores de 20:30 a 22:00 horas. No Milladoiro hai 6 prazas dispoñibles no curso arte miúda, que ten lugar os xoves de 17:00 a 18:00 horas, 9 nas aulas de manualidades dos xoves, de 11:00 a 12:30 horas, e 2 nas dos martes, de 20:30 a 22:00 horas.
Na Escola de Baile de Salón quedan 21 prazas en Bertamiráns, onde as clases se desenvolven os mércores de 20:30 a 22:00 horas, e 8 no Milladoiro, onde se celebran os luns de 20:30 a 22:00 horas.
Por último, na Escola de Teatro quedan 18 prazas en Bertamiráns: 9 nas clases de teatro infantil e xogo dramático, para crianzas de 3 a 6 anos, dos martes de 17:00 a 18:00, e 9 nas de expresión dramática para rapaces e rapazas de 12 a 18 anos, que se imparten os martes de 20:00 a 21:00 horas. No Milladoiro quedan en total 27 prazas: 7 nas clases de teatro infantil e xogo dramático para os máis pequenos e pequenas, que se celebran os mércores de 17:00 a 18:00, 10 nas mesmas clases para nenas e nenos de 7 a 11 anos, que e desenvolven os mércores de 18:00 a 19:00, e 10 nas de expresión dramática para rapazas e rapaces de entre 12 e 18 anos, que teñen lugar os mércores de 19:00 a 21:00 horas.
Para máis información pódese acudir aos centros de inscrición, o centro sociocultural do Milladoiro ou o Pazo da Peregrina de Bertamiráns, chamar por teléfono ao número 981 535 940 ou enviar un correo ao enderezo electrónico cultura.milladoiro@concellodeames.gal.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Escuelas amienses de plástica, baile y teatro con 115 vacantes"




