[07-04-2011] O Concello de Ames está levando a cabo un plan de optimización e eficiencia dos recursos humanos dos que dispón. Co fin de mellorar o funcionamento do persoal que traballa na administración amiense instaláronse dez dispositivos que permitiron mellorar o servizo de xestión de persoal e o control de presenza dos traballadores do Concello a través da pegada dactilar. Estes terminais foron instalados nos diferentes edificios administrativos para rexistrar a hora de entrada e saída do persoal do Concello (funcionarios e persoal laboral). Trala posta en marcha deste sistema detectouse que foron manipulados diversos terminais de toma de pegadas. Esta información foi subministrada pola empresa adxudicataria do servizo. Como consecuencia diso o Concello de Ames decidiu abrir un proceso de investigación para aclarar todo o que proceda ao respecto.
Co obxectivo de mellorar a xestión de persoal e rexistrar a presenza dos empregados no seu posto de traballo o Concello de Ames vén de implantar un sistema de control de tempos por pegada dixital. Para iso instaláronse dez dispositivos nos diferentes edificios administrativos. O sistema de control de tempos e accesos ofrece unha serie de servizos como son o control de xestión, organización, seguridade e mellora na produción dos traballadores municipais. Este sistema está funcionando por completo en todos os servizos e departamentos municipais, salvo no caso dalgúns traballadores que, por circunstancias excepcionais, non se lle puideron tomar aínda as pegadas ou que están xa notificados/as para facelo.
Sen embargo cómpre destacar unha importante incidencia con relación a este servizo. Segundo lle informaron dende a empresa adxudicataria do servizo ao responsable da Concellaría de Administración Electrónica e Calidade na Administración nos últimos tempos foron manipulados diversos terminais de toma de pegadas. Como consecuencia desta información abriuse hoxe mesmo o correspondente proceso de investigación co obxectivo de aclarar todo o que proceda ao respecto.
A empresa Infotelia foi a encargada de instalar os devanditos dispositivos e tamén se encargará do seu mantemento durante un ano. Este servizo tivo un custo de 4,490,15 euros trimestrais, sen ter en conta o IVE. Ao cabo do ano este sistema de control e xestión do persoal quedará en propiedade do Concello. Instaláranse 10 terminais polos diferentes edificios administrativos do Concello. Nove destes dispositivos son da marca T2500 NEXT e un da marca AVANTHD.
Na Casa do Concello instalouse un terminal de control de presencia táctil marca AVANTHD de última xeración. Mediante este dispositivo non só se controla o acceso e saída dos traballadores municipais senón que tamén funciona como un punto de información desde o cal os empregados poden realizar outras funcións como son a consulta da información específica publicada no terminal ou a marcaxe de algún tipo de incidencia que lle acontecese ao traballador/a.
As prestacións deste servizo tecnolóxico permiten o control de presenza dos traballadores, mellorar os procesos de produción, o control de rondas de determinados servizos e o control de accesos. Todos estes dispositivos están conectados a un servidor dende onde se xestiona o servizo, cos máximos niveis de seguridade de datos e de información.
Portal do empregado
A interacción do usuario coa aplicación realízase integramente a través do Portal do empregado. Mediante este servizo facilítaselle ao traballador a consulta de información e a solicitude de ausencias. Trátase dun xeito de compartir a funcionalidade do sistema, achegando ás necesidades de cada persoa. Os traballadores dispoñen dunha conta de usuario e dunha contrasinal para acceder ao Portal do empregado.
A través deste servizo cada usuario/a pode realizar un seguimento das marcaxes de entrada e saída diarias, así como das incidencias que marca en cada momento (saída por motivos de traballo, asuntos propios, pausa de café, cita médica...). Ademais do seguimento das marcaxes realizadas dende este portal pódese xestionar a petición de días de vacacións, días libres. Posteriormente estas solicitudes teñen que ser aprobadas polo responsable de cada área e polo Alcaldía. Deste xeito, pasarase a xestionar o persoal vía web. Este portal está xestionado principalmente polo departamento de persoal, pero tamén conta co mantemento da área de informática.
A implantación deste sistema ten varias vantaxes xa que deste xeito evítase que o traballador teña que desprazarse ata o Rexistro Xeral para deixar a súa solicitude. Agora todas as solicitudes tramitaranse a través da rede. Ademais cada usuario/a pode realizar un seguimento do estado no que se atopa a súa solicitude (en tramitación, aprobada, denegada) e permitirá unha maior axilización do proceso, así como un importante redución en consumo de papel.
Ao mesmo tempo os responsables de cada área terán un seguimento de cada un dos seus traballadores e disporán da posibilidade de con tan só revisar un cuadrante saber que traballadores están operativos, os que están de baixa e os que están de vacacións. Isto permitirá unha grande mellora en cada un dos departamentos municipais. O sistema de control de tempos tamén implica unha importante mellora para o departamento de persoal xa que todas as peticións se realizarán vía telemática. Ata o de agora dende este departamento tiñan que realizar un seguimento de cada un dos traballadores municipais o que implicaba unha gran dedicación por parte desta área.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El Concello amiense investiga la manipulación del sistema de control de huella digital"
El Correo Gallego: "Ames abre investigación por la manipulación de los dispositivos para fichar"




