Pestanas principais

Ábrese un período de consulta para o sector hostaleiro e comercial sobre o novo borrador do regulamento de terrazas e elementos comerciais

Mércores, 03 de xuño de 2020

O Concello de Ames vén de elaborar o borrador do regulamento da ocupación de dominio público e espazos privados de uso público por terrazas e elementos vinculados á actividade comercial e hostaleira con fins non festivos. É a primeira vez que se acomete a elaboración dun regulamento para terrazas xa que, ata o momento, só existía a ordenanza. O borrador do novo regulamento xa foi remitido aos grupos municipais da oposición, ás asociacións de empresarios e comerciantes de Ames, á Asociación de Hostalaría de Santiago e aos diferentes locais de hostalaría de Ames, que dispoñen de terraza e fixeron a solicitude para a súa posta en valor. Ao longo deste mes de xuño poderanse facer achegas a este novo regulamento por parte do sector hostaleiro, en aras de acadar unha normativa beneficiosa tanto para o sector como para a veciñanza amesá.

O obxectivo principal do novo regulamento céntrase en ordenar e sistematizar o réxime xurídico dos aproveitamentos especiais con terrazas vinculadas a establecementos de hostalaría e restauración e situacións asimiladas, así como o das autorizacións que para estes mesmos fins –e cando as condicións de beirarrúas, prazas e elementos análogos na vía pública non permiten compatibilizar os usos– se permiten instalar na calzada das vías públicas urbanas. Outros obxectivos son a mellora da calidade urbana, a actualización das licenzas e autorizacións daqueles locais de hostalaría ou titulares de anuncios que non se atopan perfectamente legalizados, e dar cumprimento á nova normativa en accesibilidade para unha ordenada convivencia entre estes espazos e a boa circulación dos viandantes polo espazo público.

O alcalde de Ames, José Miñones, destaca que este novo regulamento “permitirá ordenar o crecemento comercial destes últimos anos á vez que harmonizar a imaxe xeral das terrazas que se atopan no noso concello. Desde o goberno quixemos tamén mellorar a ocupación do espazo público con novos espazos e formatos. Este regulamento era algo que non podía esperar máis e a necesidade dunha boa regulación faise aínda máis imperiosa na época que temos por diante”

Novidades que inclúe o novo regulamento
Entre as novidades que inclúe o novo regulamento destacan a ocupación de postos na rúa como floristarías ou froitarías; a instalación en prazas de aparcamento regulando o uso e características do mobiliario; o peche de terrazas en función do sistema e dimensións; a adecuación ao cumprimento de accesibilidade coa separación de 1,5 metros das fachadas; a regulación dos horarios por acordo plenario; a inclusión do sistema de sancións, así como os procedementos e formularios para as solicitudes; ou a regulación da ocupación e uso da rúa na fronte e lindeiro. Asemade, incorpórase toda a normativa necesaria, unifícanse os elementos das terrazas (taboleiros e materiais) e faise referencia á ordenanza nas posibilidades de solicitudes en verán e inverno.

Nova regulación
Esta nova norma regula o ámbito de aplicación, así como as excepcións a este ámbito. En concreto, exceptúanse deste regulamento as instalacións de festexos populares, festas patronais, recintos de feiras e similares, que se rexerán pola súa normativa específica. Igualmente, regúlanse as obrigas dos titulares das licenzas; o horario de apertura e peche das instalacións reguladas, así como as condicións xerais de situación, ocupación e composición das mesmas; e disponse a regulación relativa aos distintos elementos que poden conformar a instalación autorizada, as súas características, e establécese a posibilidade de que o Concello delimite, regule e homologue o tipo de materiais e elementos a instalar, cores, deseño, publicidade, etc., mediante o procedemento que garanta a suficiente publicidade e con audiencia dos afectados.

O novo regulamento establece disposicións especiais para as instalacións en áreas peonís, prazas e espazos libres de titularidade ou uso público; naquelas instalacións que se sitúen en espazos privados de uso público nos que, aínda que a titularidade sexa privada, son xuridicamente de uso público e polo tanto están incorporados, mesmo sen solución de continuidade, ás rúas e espazos públicos; e disponse a regulación específica das instalacións que consistan en peches estables, polas circunstancias específicas que concorren nestes casos.

O documento regula, igualmente, o procedemento común de outorgamento de licenzas, cuxo obxectivo concrétase en axustar a actividade administrativa ao principio de eficacia, así como en facilitar os trámites a seguir polos interesados. Nesta liña, recóllese nun só artigo a documentación que debe aportarse polo interesado xunto coa solicitude, así como os requisitos que debe cumprir a mesma, salvo para aquelas solicitudes de instalacións con cubertas estables, carpas e instalacións análogas. Asemade, regúlanse os instrumentos adecuados para facer efectiva esta regulación, coa previsión de procedementos áxiles para impoñer o cumprimento das normas e o restablecemento da legalidade.

Elaboración do regulamento
O borrador do novo regulamento comezouse a mediados do ano pasado e na pasada semana xa foi remitido aos grupos municipais da oposición, ás asociacións de empresarios e comerciantes de Ames, á Asociación de Hostalaría de Santiago e aos diferentes locais de hostalaría de Ames que dispoñen de terraza e fixeron a solicitude para a súa posta en valor. Ao longo deste mes de xuño poderanse facer achegas a este novo regulamento por parte do sector hostaleiro, en aras de acadar unha normativa beneficiosa tanto para o sector como para a veciñanza amesá. Igualmente, se hai algún establecemento que non recibira o borrador do novo regulamento, pode solicitalo no enderezo electrónico gabinete@concellodeames.gal.

Derrogación da ordenanza de terrazas
Hai que lembrar que todos os grupos políticos que forman a Corporación municipal amosaron a necesidade de adoptar medidas económicas en favor do sector hostaleiro, xa que é un dos máis danados pola crise sanitaria da Covid-19. Deste xeito, o pasado xoves 14 de maio, aprobaron por unanimidade a derrogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa.

Esta medida permitiralle aos propietarios de bares, cafeterías e restaurantes, así como a florarías, froiterías e outros comercios, estar exentos durante o exercicio 2020 da taxa pola colocación de terrazas e postos. O acordo adoptado no pleno extraordinario é a aprobación provisional da derrogación, polo que dito acordo terá que estar en exposición pública durante 30 días e previo levantamento dos prazos que na actualidade están suspendidos pola declaración do estado de alarma. Durante este período todas aquelas persoas que o consideren oportuno poderán emitir alegacións. Neste exercicio 2020, o Concello deixará de percibir preto de 18.000 euros polas taxas de terrazas.

Ampliación do espazo das terrazas
Coincidindo co coñecemento de que a provincia da Coruña pasara á fase 1 do plan para a transición cara a nova normalidade, a principios do pasado mes de maio, o Concello de Ames informaba xa que se permitía a ampliación do espazo das terrazas, sempre que se cumpran os requisitos necesarios. Así, todos os establecementos hostaleiros de Ames que tiñan previsto abrir ao público o servizo de terraza nestas datas, sexa en espazo público ou privado, deben comunicalo previamente ao Concello, chamando a algún destes números de teléfono: 681 267 314; 682 774 563; 981 37 90 36. O horario de atención telefónica é de 8:00h a 15:00 horas. Outra opción é enviar un correo electrónico ao enderezo: urbanismo@concellodeames.gal.

Na actualidade estase a revisar o horario das terrazas de cara a establecer unha regulación específica para este verán en tanto non se aprobe o novo regulamento.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "En marcha o regulamento para as terrazas amesás"

La Voz de Galicia: "El Concello de Ames inicia consultas sobre el reglamento de terrazas"

O Concello de Ames vén de elaborar o borrador do regulamento da ocupación de dominio público e espazos privados de uso público por terrazas e elementos vinculados á actividade comercial e hostaleira con fins non festivos.