Pestanas principais

Ábrese o prazo para solicitar a cesión dunha horta urbana no Milladoiro

Luns, 20 de xaneiro de 2014

[20-01-2014] Durante este mes de xaneiro póñense en marcha as hortas urbanas, sostibles e solidarias que o Concello de Ames pon a disposición da veciñanza no Milladoiro para realizar cultivos hortícolas de xeito sostible e solidario. O vindeiro luns, 20 de xaneiro, ábrese o prazo para que todos aqueles veciños/as de Ames interesados/as en poder contar cunha horta urbana no Milladoiro poidan presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello no Milladoiro e Bertamiráns. O prazo estará aberto ata o vindeiro 5 de febreiro. Premendo nas ligazóns que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a documentación necesaria para realizar a solicitude.

Os impresos de solicitude, a documentación que se deberá achegar e toda a información necesaria para participar neste proceso do Milladoiro poderá solicitarse no departamento de Medio Ambiente do Concello de Ames a través do teléfono 660004665 ou do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org. Tamén poderá solicitarse nas oficinas do Milladoiro e descargarse da páxina web municipal: www.concellodeames.org. Nas solicitudes deberá indicarse se se opta por algunha das tres modalidades: maior de 65 anos, emerxencia social e libre.

Xunto coa instancia de solicitude de autorización do uso dunha parcela, as persoas interesadas en contar cunha horta urbana municipal deberán presentar, entre outra documentación, a declaración xurada de compromiso de coidado e mantemento da horta conforme ao exposto na ordenanza reguladora do funcionamento de hortas urbanas municipais sostibles e solidarias do Concello de Ames.