Pestanas principais

Ábrese o prazo para renovar praza no programa de psicomotricidade educativa e preventiva 2012-2013

Venres, 18 de maio de 2012

[18-05-2012] O Concello de Ames, a través da concellaría de Persoal, Reforma Administrativa, Servizos e Urbanismo, acaba de abrir o prazo para renovar praza no programa de Psicomotricidade Educativa e Preventiva que se vai desenvolver tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. Todos os pais e nais que teñen aos seus fillos/as matriculados nesta actividade durante este curso teñen dende o 18 ata o 25 de maio para renovar a súa praza de cara ao vindeiro curso 2012-2013. Posteriormente do 1 ao 15 de xuño ábrese o prazo de preinscrición para todas aquelas persoas que actualmente non dispoñen deste servizo. Os nenos e nenas que sexan admitidos terán que formalizar a matrícula do 21 ao 30 de xuño.

O Concello de Ames desenvolve o programa de psicomotricidade educativa e preventiva co obxectivo de favorecer no neno/a a expresión das súas vivencias, emocións e medos dun xeito espontáneo a través dunha dinámica de xogo e pracer. Este programa comezou a funcionar con menos de dez cativos, pero nestes momentos xa están matriculados arredor de 90 rapaces e rapazas de entre 3 e 5 anos.

Este programa serve de apoio para o desenvolvemento persoal e á maduración do cativo. Ademais, tamén están orientadas a que os nenos/as se acostumen a respectar os demais dentro dun grupo sen que teña que haber conflitos. As actividades de psicomotricidade educativa e preventiva realízanse nas instalacións dos colexios CEIP A Maía, CEIP Agro do Muíño e na Escola infantil do Milladoiro.

As aulas de psicomotricidade dos colexios están preparadas dun xeito especial e inclúen material específico, como colchóns ou módulos de gomaespuma de diferentes cores. Mediante este material os nenos e nenas poden expresar todo aquilo que desexan. Na aula hai dúas normas básicas de convivencia como son as de non danar aos compañeiros e non desfacer o que fan os demais. O programa está dirixido aos nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos empadroados no Concello de Ames. As actividades desenvolveranse ao longo do curso escolar en sesións dunha hora á semana.

Prazo de renovación de praza

Todos os pais e nais que teñan aos seus fillos/as matriculados nesta actividade durante este curso teñan a posibilidade de renovar a súa praza dende o día 18 ata o 25 de maio. Todos os que cumpran os requisitos formalizarán directamente a matrícula. Os demais solicitantes deberán formalizar a preinscrición entre o 1 e o 15 de xuño entregando a documentación que se lle require no Rexistro Xeral do Concello, en Bertamiráns, ou na Oficina Municipal do Milladoiro, en horario de 9:00 h. á 14:00 horas.

As familias interesadas en participar en Psicomotricidade Educativa e Preventiva poden recoller a ficha de preinscrición ou de matrícula no departamento de Educación, en Bertamiráns, e nas oficinas municipais do Milladoiro en horario de 9:00 h. á 14:00 horas. Ademais, tamén poden descargar a documentación na sección de Avisos da web municipal para logo entregala cuberta nos mesmos lugares.

Unha vez rematado o prazo de preinscrición publicarase a lista de admitidos/as e o prazo e lugares de matrícula, nos taboleiros de anuncios do Concello en Bertamiráns e da Oficina Municipal do Milladoiro. O prazo establecido para formalizar a matrícula vai dende o día 21 ata o 30 de xuño.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames cuenta con 90 alumnos en el prograna de psicomotricidad"