Pestanas principais

Ábrese o prazo para renovar a matrícula na Escola de Música

Luns, 23 de maio de 2011

[23-05-2011] A Escola Municipal de Musica de Ames, dependente da Concellaría de Cultura, abre dende hoxe ata o 27 de maio o prazo de renovación da matrícula do curso 2011/2012, para todos aqueles nenos/as que xa estiveron matriculados este ano na escola. Este primeiro prazo de inscrición está orientado, exclusivamente, aos alumnos da Escola para a continuación de estudios. Mentres que todos aqueles que desexen comezar estudios musicais na EMMA deberán realizar a matrícula entre o 13 e o 23 de xuño. A Escola, que remata as clases o próximo día 22 de xuño, fará como todos os anos a actuación de fin curso, ese mesmo día ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

Con motivo do remate do presente curso escolar, a Escola Municipal de Música de Ames (EMMA), abre un primeiro prazo de matrícula para o próximo curso 2011/2012, dirixido aos alumnos/as que xa estiveron matriculados na EMMA este curso. Este prazo abrangue dende o día 23 ata o 27 de maio. Para que a praza quede reservada, os pais e nais terán que ingresar na conta bancaria correspondente o importe da matrícula e achegar o resgardo de pagamento xunto coas fichas da matrícula nos lugares sinalados. Toda a información para facer a matrícula está especificada nas follas das solicitudes que se deberán entregar, dentro do prazo sinalado, ben no Pazo da Peregrina en Bertamiráns de luns a venres en horario de 9:00 h. a 14:00 horas, ou ben na Casa da Cultura do Milladoiro de luns a venres desde as 9:30 h. ás 13:00 horas.

Os pais e nais de todos aqueles nenos/as que desexen comezar estudios musicais na Escola Municipal de Musica de Ames deberán formalizar a matrícula do 13 ao 23 de xuño. Para responder a calquera tipo de dúbida ou pregunta sobre os cursos da EMMA, os interesados teñen á súa disposición o número de teléfono 981 535 940 en horario de 9:30 h. a 13:00 horas de luns a venres.

A oferta educativa como sempre estará orientada a nenos/as de 4 anos en adiante. Para os máis pequenos, que non poden comezar aínda cun instrumento musical, ofrecéselles a clase de Música e Movemento, que consiste nunha especie de iniciación á musica para os grupo de nenos/as que teñen de 4 a 7 anos. Para os maiores de 7 anos a EMMA seguirá ofrecendo as mesmas clases que se veñen desenvolvendo en cursos anteriores como é Linguaxe Musical (solfexo), recomendable para todos aqueles matriculados nun instrumento e as clases de Combo ou Conxunto Instrumental de Música Moderna.

Ademais impartiranse clases para a práctica de diferentes instrumentos. Así, poderán asistir aqueles nenos/as que desexen aprender a tocar ou mellorar a súa técnica no piano, guitarra, frauta, violín, percusión e batería ou saxofón. E por último, ofertaranse varias prazas para as clases individuais de canto moderno, que están dirixidas para nenos/as a partir dos 11 anos, e que teñen unha duración dunha hora á semana.

Como todos os anos celebrarase unha actuación de fin de curso onde actuarán todos os alumnos e alumnas da EMMA. Este festival terá lugar o próximo 22 de xuño, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Nesta cita o alumnado poderá mostrar todo o que aprendeu durante o curso e deleitarnos con pezas musicais nunha agradable velada, sobre todo para os orgullosos pais e nais.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Abierto el plazo de matrícula en la Escola Municipal de Música de Ames"
El Correo Gallego: "Matrícula para seguir estudiando música en Ames"