Pestanas principais

Ábrese o prazo para realizar a preinscrición no programa de psicomotricidade educativa e preventiva 2012-2013

Venres, 01 de xuño de 2012

[01-06-2012] O Concello de Ames, a través da concellaría de Servizos, acaba de abrir o prazo para realizar a preinscrición no programa de Psicomotricidade Educativa e Preventiva que se vai desenvolver tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. Todos os pais e nais que desexen apuntar os fillos/as nesta actividade para o vindeiro curso deberán formalizar a preinscrición entre o 1 e o 15 de xuño entregando a documentación que se lle require no Rexistro Xeral do Concello, en Bertamiráns, ou na Oficina Municipal do Milladoiro, en horario de 9:00 h. á 14:00 horas. Os nenos e nenas que sexan admitidos terán que formalizar a matrícula do 21 ao 30 de xuño. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición para participar nesta actividade.

O Concello de Ames desenvolve o programa de psicomotricidade educativa e preventiva co obxectivo de favorecer no neno/a a expresión das súas vivencias, emocións e medos dun xeito espontáneo a través dunha dinámica de xogo e pracer. Este programa comezou a funcionar con menos de dez cativos, pero nestes momentos xa están matriculados arredor de 90 rapaces e rapazas de entre 3 e 5 anos.

O programa serve de apoio para o desenvolvemento persoal e a maduración do cativo. Ademais, tamén está orientado a que os nenos/as se acostumen a respectar os demais dentro dun grupo sen que teña que haber conflitos. As actividades de psicomotricidade educativa e preventiva realízanse nas instalacións dos colexios CEIP A Maía, CEIP Agro do Muíño e na Escola infantil do Milladoiro.

As aulas de psicomotricidade dos colexios están preparadas dun xeito especial e inclúen material específico, como colchóns ou módulos de gomaespuma de diferentes cores. Mediante este material os nenos e nenas poden expresar todo aquilo que desexan. Na aula hai dúas normas básicas de convivencia: non danar aos compañeiros e non desfacer o que fan os demais. O programa está dirixido aos nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos empadroados no Concello de Ames. As actividades desenvolveranse ao longo do curso escolar en sesións dunha hora á semana.

Tramitación das preinscricións

Todos os pais e nais que desexen apuntar os fillos/as nesta actividade de cara ao vindeiro curso deberán formalizar a preinscrición entre o 1 e o 15 de xuño entregando a documentación que se lle require no Rexistro Xeral do Concello, en Bertamiráns, ou na Oficina Municipal do Milladoiro, en horario de 9:00 h. á 14:00 horas.

As familias interesadas en participar en Psicomotricidade Educativa e Preventiva poden recoller a ficha de preinscrición ou de matrícula no departamento de Educación, en Bertamiráns, e nas oficinas municipais do Milladoiro en horario de 9:00 h. a 14:00 horas. Ademais, tamén poden descargar o impreso de preinscrición na sección de Avisos da web municipal para logo entregalo cuberto nos mesmos lugares.

Unha vez rematado o período de preinscrición publicarase a lista de admitidos/as e o prazo e lugares de matrícula, nos taboleiros de anuncios do Concello en Bertamiráns e da Oficina Municipal do Milladoiro. O prazo establecido para formalizar a matrícula vai dende o día 21 ata o 30 de xuño.