Pestanas principais

Ábrese o prazo para presentar as solicitudes de axuda á promoción do comercio no Concello de Ames

Martes, 05 de outubro de 2021

As asociacións de comerciantes e profesionais do Concello de Ames teñen 15 días a partir de mañá para presentarse ás subvencións para a promoción do comercio. Estas axudas, que este ano alcanzan os 30.000 euros, están destinadas á apoiar a promoción comercial das empresas. Publicidade, animación comercial, celebración de exposicións e congresos e gastos de contratación de persoal destinados a promover este tipo de cuestións, son algunhas das accións para as que se pode solicitar subvención.  Os gastos para os que se solicite esta axuda teñen que ter sidoefectuados entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2021.

O Boletín Oficial da Provincia con data do martes, 5 de outubro de 2021, publica, no apartado de “Convocatoria de subvencións e axudas públicas”, as subvencións para a promoción do comercio no Concello de Ames para o exercicio 2021, logo de que estas axudas foran aprobadas na Xunta de Goberno Local do 23 de setembro.

Prazo de presentación e solicitudes
As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Electrónico Xeral do Concello de Ames ou na sede electrónica do Concello. Igualmente poderá presentarse no Rexistro Electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC) o que se poderá acceder tamén desde a devandita sede electrónica do concello. O prazo de presentación é de 15 días naturais, contados desde o día seguinte da publicación No Boletín Oficial da Provincia, neste caso, por tanto desde o 6 de outubro de 2021.

Beneficiarios
Poderán optar a estas subvencións as asociacións de comerciantes e profesionais do Concello de Ames, legalmente constituídas e que na actualidade figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións.

Finalidade das axudas
Subvencionaranse as accións e proxectos destinados á promoción comercial: publicidade, promoción de ventas, animación comercial, celebración de exposicións, congresos e aquelas actividades destinadas á promoción de produtos comercializados polas empresas que desenvolven a súa actividade comercial no concello de Ames. Tamén se subvencionarán os gastos de contratación de persoal destinado a promover accións de promoción económica dentro do ámbito dos seus asociados.

Gastos de infraestruturas e equipamentos
Cunha contía de 7.000 euros subvencionarase a infraestrutura e o equipamento das asociacións. Neste senso, as axudas poden solicitarse para a mellora das instalacións, a adquisición de material e mobiliario, de material funxible e sofware propio das asociacións. Tamén entra dentro deste apartado a realización da páxina web das asociacións.

Ademais considéranse incluídos nesta liña de actuación, os gastos de funcionamento da asociación, que serían o alugueiro dos locais e a xestoría. Non se inclúen como gasto obxecto de subvención, os gastos de teléfono, luz e auga nin a adquisición de bens inmobles.

Tampouco se subvencionarán xantares entre os membros da asociación, sin considerar neste sentido as festas de exaltación gastronómica. Tampouco se poderá solicitar subvención para as viaxes que non acrediten o seu carácter eminente de promoción comercial.

A contía total destinada a esta convocatoria é de 30.000 euros.

Para a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, a finalidade destas subvencións é a de “favorecer a promoción e o desenvolvemento de actividades realizadas no seo das asociacións de comerciantes e profesionais do Concello de Ames”. Engade a concelleira que o obxectivo destas axudas é “potenciar o comercio amesán intentando chegar ao maior número de clientes posible, mellorando a calidade, procurando a estabilidade da actividade comercial local e outorgando protagonismo ás entidades asociativas deste sector”.

Podes consultar aquí as bases desta convocatoria de subvencións.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: O comercio amiense xa pode solicitar as axudas de promoción

AMSGO: Abre o prazo das axudas á promoción do comercio en Ames

 

Ábrese o prazo para presentar as solicitudes de axuda á promoción do comercio no Concello de Ames