Pestanas principais

Ábrese o prazo para participar no programa autonómico "Lecer e Benestar"

Venres, 25 de marzo de 2011

[25-03-2011] O Concello de Ames informa de que a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Dependencia e Autonomía Persoal, convoca para o presente ano unha nova edición do programa "Lecer e Benestar" dirixido ás persoas maiores e persoas con discapacidade da nosa Comunidade Autónoma. Este programa oferta un total de 3.095 prazas, das que 2.696 son para solicitar de xeito individual, e corresponden ás modalidades de "Balnearios" (opcións "todo incluído" e "só tratamento termal"), "Intercambio con Portugal" e "Praia".

As restantes 399 teñen unha duración de tres días e dúas noites; están destinadas a grupos de persoas maiores e/ou de persoas con discapacidade; prevén a posibilidade de "Coñecer un Balneario" e "Coñecer un cámping". A súa tramitación farase a través das asociacións ou federacións de persoas maiores ou de persoas con discapacidade da Comunidade Autónoma e a súa adxudicación farase directamente desde a Dirección Xeral da Dependencia e Autonomía Persoal.

O programa dentro da modalidade de Balnearios (todo incluído), oferta un total de 30 prazas cunha subvención dun 50% para as parellas que cumpran as súas vodas de ouro neste ano. Tamén se oferta en todas as modalidades un total de 40 prazas gratuítas para as persoas que acrediten unha situación de precariedade económica que lles impida sufragar os gastos da praza.

Para poder participar neste programa hai que ser maior de 65 anos ou maior de 60 reunindo a condición de pensionista (cumpridos no prazo da solicitude), agás no caso de persoas con discapacidade; residir na Comunidade Autónoma de Galicia; valerse por si mesmo para actividades da vida diaria e atoparse en condicións de asistir ao Programa. E no caso de discapacitados, valerse por si mesmo ou acudir acompañado dun monitor. Outros requisitos que hai que cumprir son non padecer enfermidade infecto-contaxiosa en fase activa, nin trastornos mentais ou de conduta, non compensados que poidan alterar a normal convivencia durante o transcurso da quenda.

Respecto ás quendas de carácter termal, hai que precisar o tratamento solicitado e carecer de contraindicación médica para a súa recepción; ter presentado a solicitude, acompañada da documentación regulamentaria, dentro do prazo establecido; acadar, de conformidade co baremo establecido, a puntuación que lle permita acceder ao destino solicitado; e ter efectuado a oportuna aceptación da praza e o pagamento do prezo estipulado no prazo que se estableza.

As solicitudes poden ser presentadas ata o 12 de abril de 201 nas oficinas dos Servizos Sociais comunitarios do Concello e ata o 15 de abril nas Xefaturas territoriais e centros sociocomunitarios de benestar da Consellería de Traballo e Benestar. Para máis información poden dirixirse ás oficinas de Servizos Sociais sitas no centro sociocultural de Bertamiráns e na Rúa de Abaixo número 10 do Milladoiro, ben presentándose persoalmente ou chamando por teléfono aos números: 981 890 964 e 981 535 941, os luns, martes e xoves, de 9:00 h. a 14:00 horas, sempre previa cita.