[25-03-2011] O Concello de Ames informa de que a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Dependencia e Autonomía Persoal, convoca para o presente ano unha nova edición do programa "Lecer e Benestar" dirixido ás persoas maiores e persoas con discapacidade da nosa Comunidade Autónoma. Este programa oferta un total de 3.095 prazas, das que 2.696 son para solicitar de xeito individual, e corresponden ás modalidades de "Balnearios" (opcións "todo incluído" e "só tratamento termal"), "Intercambio con Portugal" e "Praia".
As restantes 399 teñen unha duración de tres días e dúas noites; están destinadas a grupos de persoas maiores e/ou de persoas con discapacidade; prevén a posibilidade de "Coñecer un Balneario" e "Coñecer un cámping". A súa tramitación farase a través das asociacións ou federacións de persoas maiores ou de persoas con discapacidade da Comunidade Autónoma e a súa adxudicación farase directamente desde a Dirección Xeral da Dependencia e Autonomía Persoal.
As solicitudes poden ser presentadas ata o 12 de abril de 201 nas oficinas dos Servizos Sociais comunitarios do Concello e ata o 15 de abril nas Xefaturas territoriais e centros sociocomunitarios de benestar da Consellería de Traballo e Benestar. Para máis información poden dirixirse ás oficinas de Servizos Sociais sitas no centro sociocultural de Bertamiráns e na Rúa de Abaixo número 10 do Milladoiro, ben presentándose persoalmente ou chamando por teléfono aos números: 981 890 964 e 981 535 941, os luns, martes e xoves, de 9:00 h. a 14:00 horas, sempre previa cita.




