Pestanas principais

Ábrese o prazo para participar na XVIII edición do Certame Literario de Ames

Martes, 02 de marzo de 2021

Até o día 8 de abril está aberto o prazo para participar no Certame Literario de Ames que este ano acada a súa XVIII edición. Pode concorrer a esta convocatoria calquera persoa que presente textos inéditos en lingua galega. A temática é libre. En cada modalidade do certame, narrativa e poesía, establécense, dependendo da idade, tres categorías, e en cada categoría, tres premios. En total, repartiranse 3.800 euros entre os/as gañadores/as.

Non é o concurso literario que reparte máis cartos. Porén, o Certame Literario de Ames, que este ano cumpre maioría de idade, 18 anos desde a súa posta en marcha polo Servizo de Normalización Lingüística do concello, afianzase coma unha cita obrigada para moitos e moitas creadoras. Non en balde, desde hai varios anos, este concurso está considerado como unha catapulta de novos valores, cuestión que se pode avaliar no significativo número de escritores e escritoras que gañan outros concursos e publican as súas obras despois de ter triunfado neste certame.

O certame ten dúas modalidades, narrativa e poesía, e cada unha delas componse á vez de tres categorías, de xeito que poden participar persoas de calquera idade. Os nenos e nenas de até 13 anos poden participar na primeira categoría, mentres que a segunda está dirixida á rapazada de entre 14 a 17 anos e a terceira vai dirixida ás persoas de 18 anos ou máis. Outórganse tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ambas as dúas modalidades.

Requisitos para participar
Nas bases do certame, recóllese que as persoas que desexen participar deberán enviar catro exemplares do texto, en folios mecanografados a dobre espazo e tamaño de letra 12. Na modalidade de narrativa, a extensión mínima será de 2 páxinas e a máxima será de 6. Na modalidade de poesía, a extensión mínima será de 20 versos e a máxima será de 50.

Só se poderá presentar un traballo por persoa en cada unha das modalidades.Os textos poderán remitirse ata o día 8 de abril de 2021 (incluído) ao seguinte enderezo: Servizo de NormalizaciónLingüística do Concello de Ames, Avenida de Azcárraga nº 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña.

Os textos presentaranse baixo pseudónimo. Para garantir o anonimato, nos textos non poden aparecer datos persoais nin sinaturas. Nos catro exemplares do texto terán que figurar a modalidade (narrativa ou poesía), a categoría (1ª, 2ª ou 3ª) e o pseudónimo do autor ou autora.

Os datos persoais introduciranse nun sobre pechado. Terán que constar: nome e apelidos, idade, copia do DNI, teléfono de contacto, enderezo postal e electrónico e declaración responsable de non estar incurso/a en supostos que impidan obter a condición de beneficiario/a e de atoparse ao corrente nas obrigas tributarias e coa seguridade social.

As persoas menores de idade deben achegar os datos dunha persoa maior de idade que exerza como representante legal. O sobre pechado cos datos persoais e as catro copias do texto introduciranse nun sobre máis grande. No remite deste indicarase a modalidade (narrativa ou poesía), a categoría (1ª, 2ª ou 3ª) e o pseudónimo (nunca o nome real). Pódese descargar aquí a ficha de participación que recolle todos estes datos.

Premios
Entre os 18 premiados, o certame reparte 3.800 euros. Na primeira categoría, á que se pode presentar rapaces e rapazas de até 13 anos, os premios son de 200 euros, 170 euros e 140 euros. A segunda categoría, á que se presentan traballos firmados por rapaces e rapazas de entre 14 e 17 anos, outorga un primeiro premio de 230 euros, un segundo de 200 euros e un terceiro de 170. Finalmente a terceira categoría, na que os participantes teñen 18 ou máis anos, concede un primeiro premio de 300 euros, un segundo de 260 euros e un terceiro de 230 euros.

O Concello de Ames designará un xurado integrado por persoas de recoñecido prestixio no ámbito cultural e a súa decisión farase pública o 18 de maio de 2020. En canto aos premios, entregaranse o 21 de maio nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro. Ademais dos correspondentes premios en metálico, os gañadores e gañadoras verán publicados os seus textos nunha antoloxía que recompilará os traballos premiados,

Publicación dos textos premiados
A decisión do xurado anunciarase publicamente o 18 de maio de 2021 e os premios entregaranse o 21 de maio de 2021 nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro. O Concello de Ames publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando os autores ou autoras con cinco exemplares do volume que se edite. Para esta publicación, as persoas gañadoras do certame deberán entregar os textos en formato dixital. Se o autor ou autora publica pola súa conta algún dos textos gañadores, deberá facer referencia ao premio obtido neste certame.

Para a concelleira de Normalización Lingüística Escarlata Pampín, o certame literario de Ames ten o valor de impulsar a creación literaria en galego e de dirixir esta motivación a todas as idades: “ O certame Literario de Ames supón unha moi boa oportunidade para todas aquelas persoas que desexan poñer en práctica a súa capacidade creativa, teñan a idade que teñan. Ademais, a través desta iniciativa preténdese impulsar a creación literaria na nosa lingua e difundir a cultura propia, como un xeito de contribuír tamén á normalización lingüística e cultural”.

As persoas interesadas en recibir máis información sobre este certame literario poden chamar ao número de teléfono 662 377 215 ou enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal correspondente ao Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Abren o prazo para participar no certame literario que xa é maior de idade"

Ábrese  o prazo para participar na XVIII edición do Certame Literario de Ames