[11-07-2017] A creación da Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil para o Concello de Ames ponse en marcha coa apertura do rexistro no que se poden anotar todos os veciños e veciñas que o desexen. No pleno do mes de xuño deste ano, a corporación aprobou por unanimidade a creación deste corpo de voluntarios que servirá de elemento de apoio á Policía Local, prestará servizos nos distintos eventos e actividades que se realizan no Concello de Ames e colaborará con outros concellos da bisbarra. Está previsto que desde o Concello se facilite a formación oportuna para poder desenvolver con garantes de seguridade a actividade como membro da devandita Asociación. Premendo á dereita, baixo o apartado de descargas, pódese obter o formulario de inscrición.
Calquera persoa que o desexe pode facerse voluntario de Protección Civil en Ames. O procedemento é sinxelo: basta con baixar a ficha que acompaña a esta nova, cubrila e entregala no Rexistro Xeral do Concello, tanto na Casa Consistorial como nas Oficinas de Servizos Múltiples do Milladoiro. Na ficha, ademais dos datos habituais de nome, enderezo e DNI, pídese aos interesados que especifiquen se foron voluntarios de Protección Civil nalgún outro concello, se teñen cursos de Proteción Civil e cales e se posúen algunha experiencia laboral vinculada á actividade que realiza Protección Civil. Tamén se require saber se o interesado/a ten carné de conducir, cal é a súa situación laboral e a súa dispoñibilidade horaria. Deste xeito solicítase a incorporación como voluntario/a á Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil de Ames.
Unha vez presentada esta solicitude, o departamento correspondente do Concello poñerase en contacto cos interesados/as para coñecer a súa disposición e saber máis polo miúdo se posúen algún tipo de formación ou experiencia relacionada coa actividade que se desenvolve na Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil (AVPC).
Está previsto que desde o Concello se facilite a formación oportuna para poder desenvolver con garantes de seguridade a actividade como membro da devandita Asociación. "O Obxectivo deste Goberno é contar cun equipo de voluntarios e voluntarias formados e preparados para prestar un servizo eficaz, por esa razón apostaremos pola formación e a preparación", declara o alcalde de Ames, José Miñones, quen tamén asocia o termo “débeda histórica” coa creación de Protección Civil en Ames: "A creación da AVPC é unha débeda histórica neste concello porque nunca se contou con este servizo, polo que este é un paso importante xa que é un servizo importante e necesario para o concello e a veciñanza amesá".
A creación da Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil para o Concello de Ames foi aprobada por unanimidade no pleno celebrado o pasado 29 de xuño. Na mesma sesión deuselle conformidade tamén á aprobación inicial do seu regulamento. Dáse a circunstancia de que o Concello de Ames, ao pasar dos 20.000 habitantes, debe dispor deste servizo, polo que todos os grupos políticos municipais coincidiron no pleno do mes de xullo na importancia de crear este grupo de voluntarios/as que traballará de xeito conxunto coa Policía Local. Este foi o primeiro paso na creación da AVPC en Ames. O segundo darano agora os veciños e veciñas de Ames apuntándose como voluntarios e voluntarias de Protección Civil en Ames, unha agrupación que cando está ben organizada realiza importantes labores de carácter cívico e social.