[16-04-2012] O próximo sábado 21 de abril, no marco do programa de dinamización lingüística FalaRedes, e coa colaboración do Concello de Ames, terá lugar o espectáculo/obradoiro Titerehop, dirixido aos mozos/as de 13 a 17 anos e centrado na cultura hip-hop. Este obradoiro está dirixido polo rapeiro García do grupo Dios Ke Te Crew e pola compañía de monicreques Viravolta. Os rapaces e rapazas poderán crear rimas, monicreques e facer diversas gravacións. Esta actividade desenvolverase na praza do Concello, en Bertamiráns, a partir das 18:30 horas. Para participar, hai que inscribirse chamando ao número de teléfono 981 884 991 ou enviando un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.org
O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, desenvolve o próximo sábado, 21 de abril, o espectáculo/obradoiro Titerehop, que se enmarca dentro do programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Este obradoiro pretende a dinamización e mellora das competencias lingüísticas dos nosos mozos e mozas a través de actividades instrutivas e lúdicas.
Titerehop é unha actividade gratuíta que se desenvolverá na praza do Concello, en Bertamiráns, a partir das 18:30 horas, co obxectivo de dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade de 13 a 17 anos. A actividade céntrase no uso da lingua galega en accións que resulten atractivas para os mozos e mozas, neste caso o hip-hop.
Artes plásticas e música únense neste obradoiro dirixido á mocidade amiense e centrado na cultura hip-hop. Titerehop contará coa participación do rapeiro García do grupo Dios Ke Te Crew e da compañía de monicreques Viravolta. Os rapaces e rapazas poderán crear rimas, monicreques e facer diversas gravacións. Poderase ver o resultado das actividades realizadas en www.titerehop.wordpress.com.
Este espectáculo/obradoiro enmárcase dentro de FalaRedes, o novo programa de dinamización da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a Rede de Dinamización Lingüística. FalaRedes levarase adiante en máis de 90 entidades locais e constará de tres actividades diferentes que se desenvolverán en 250 sesións. Estas actividades son Galego de Cine, Titerehop e O señor das dunas.
FalaRedes responde a obxectivos emanados do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega como son crear espazos de uso e de aprendizaxe do galego ligados ao lecer, á cultura xuvenil e ás tecnoloxías da comunicación para promover unha imaxe da lingua ligada a valores positivos; reforzar o uso do galego entre os máis novos e proporcionarlles modelos lingüísticos de referencia aos rapaces e rapazas.




