Pestanas principais

Ábrese o prazo de presentación de solicitudes para as axudas deportivas

Mércores, 14 de novembro de 2018

[14-11-2018] O Concello de Ames informa sobre a convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo no exercicio 2018 polos clubs e asociacións deportivas de Ames. A contía destinada a esta convocatoria ascende nesta anualidade aos 75.000 euros, sendo o importe individual das achegas concedidas non superior aos 9.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes é de 30 días naturais desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP), que tivo lugar o martes, 13 de novembro. O prazo de solicitude estará aberto ata o 14 de decembro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases desta convocatoria.

Esta convocatoria de axudas está destinada a promover as actividades desenvolvidas durante este ano polas asociacións e clubs deportivos do Concello de Ames. Deste xeito, poderán ser subvencionadas as actividades de índole deportiva desenvolvidas por estas entidades, así como a adquisición de material inventariable cun límite dun 20 % do orzamento total. Non se subvencionará a realización de obras. Ademais, as actividades ou investimentos para as que se solicite a concesión da achega deberán ter sido efectuados dentro do exercicio 2018. O importe individual das achegas concedidas non superará os 9.000 euros.

A estas axudas poderán optar as asociacións e clubs existentes no Concello de Ames, legalmente constituídas e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións con data anterior ao 31/12/2017. Así mesmo, os datos de inscrición no rexistro deben estar debidamente actualizados no momento de solicitar a achega. Do mesmo xeito, as asociacións solicitantes teñen que estar ao día nas súas obrigas tributarias coa AEAT, o Concello de Ames e a Seguridade Social. As entidades solicitantes tampouco poderán ter pendente de xustificación ningunha axuda anterior do Concello, a non ser que lles fora concedida unha prórroga.

Alén diso, os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento do obxecto de subvención. Así, dependendo dos casos, deberan incluír o logo do Concello, así como lendas relativas ao financiamento público en carteis, placas conmemorativas, materiais impresos, medios electrónicos ou audiovisuais, ou ben en mencións realizadas en medios de comunicación. Asemade, os clubs terán que levar na súa vestimenta (chándal e camiseta de competición) o logo do Concello de Ames e en caso de dispor dun medio de transporte, este deberá levar un adhesivo do citado logo.

Os obxectivos destas axudas son achegar a práctica deportiva ao maior número posible de persoas, promovendo, ao mesmo tempo, a participación activa das veciñas e veciños de Ames no deporte, como medio de promover a formación das xeracións máis novas e de propiciar unha boa convivencia.