Pestanas principais

Ábrese o prazo de preinscrición para o programa de psicomotricidade

Mércores, 01 de xuño de 2011

[01-06-2011] A Concellaría de Educación e Servizos Complementarios acaba de abrir o prazo de preinscrición no programa de Psicomotricidade Educativa e Preventiva que se vai desenvolver tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. Entre o 1 e o 15 de xuño todas aquelas persoas que actualmente non dispoñen deste servizo poderán realizar a preinscrición. Os nenos e nenas que sexan admitidos terán que formalizar a matrícula do 21 ao 30 de xuño. Previamente todos os pais e nais que teñen aos seus fillos/as matriculados nesta actividade durante este curso tiveron dende o 18 ata o 28 de maio para renovar a praza de cara ao vindeiro curso.

No ano 2006 o Concello de Ames puxo en marcha o programa de psicomotricidade educativa e preventiva co obxectivo de favorecer no neno/a a expresión das súas vivencias, emocións e medos dun xeito espontáneo a través dunha dinámica de xogo e pracer. Este programa comezou a funcionar con menos de dez cativos pero nestes momentos xa están matriculados 90 rapaces e rapazas.

Este programa serve de apoio para o desenvolvemento persoal e á maduración do cativo. Ademais, tamén están orientadas a que os nenos/as se acostumen a respectar os demais dentro dun grupo sen que teña que haber conflitos. As actividades de psicomotricidade educativa e preventiva estanse impartindo nas instalación do CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía e na Escola Infantil do Milladoiro.

As aulas de psicomotricidade dos colexios están preparadas dun xeito especial e inclúen material específico, como colchóns ou módulos de gomaespuma de diferentes cores. Mediante este material os nenos e nenas poden expresar todo aquilo que desexan. Na aula hai dúas normas básicas de convivencia como son as de non danar aos compañeiros e non desfacer o que fan os demais.

O programa está dirixido aos nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos empadroados no Concello de Ames. As actividades desenvolveranse ao longo do curso escolar en sesións dunha hora á semana. O horario e o día concretarase unha vez estean establecidas as actividades extraescolares para cada curso organizadas nos centros de ensino correspondente, por ter estas prioridade sobre as actividades organizadas polo Concello.

Prazo de preinscrición
Todos os pais e nais que non teñan aos seus fillos/as matriculados nesta actividade durante este curso teñan a posibilidade de formalizar a preinscrición entre o 1 e o 15 de xuño entregando a documentación que se lle require no Rexistro Xeral do Concello, en Bertamiráns ou na Oficina Municipal do Milladoiro en horario de 9:00 h. á 14:00 horas.

As familias interesadas en participar en Psicomotricidade Educativa e Preventiva poden recoller a ficha de preinscrición ou de matrícula no departamento de Educación, en Bertamiráns, e nas oficinas municipais do Milladoiro en horario de 9:00 h. á 14:00 horas. Ademais, tamén poden descargar a documentación na sección de Avisos da web municipal para logo entregala cuberta nos mesmos lugares.

Unha vez rematado o prazo de preinscrición publicarase a lista de admitidos/as e o prazo e lugares de matrícula, nos taboleiros de anuncios do Concello en Bertamiráns e da Oficina Municipal do Milladoiro. O prazo establecido para formalizar a matrícula vai dende o día 21 ata o 30 de xuño. Para ocupar as prazas ofertadas terán sempre preferencia os nenos e nenas que participaran na actividade o curso anterior sempre que cumpran os requisitos.