Pestanas principais

Ábrese o prazo de inscrición para participar nos cursos de iniciación á calceta que se impartirán en Bertamiráns e no Milladoiro

Xoves, 17 de xaneiro de 2013

[17-01-2013] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Medio Ambiente, organiza dous cursos de iniciación á calceta que se desenvolverán nas casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro durante os meses de febreiro e marzo. Esta actividade é totalmente gratuíta e para inscribise só hai que chamar aos números de teléfono 662 377 544 / 660 004 665 ou enviar un correo electrónico aos enderezos auladanatureza@concellodeames.org ou medioambiente@concellodeames.org. A través desta actividade trátase de reducir o consumo e que a veciñanza amiense poida reciclar a la dunha peza de roupa que non empregan para elaborar outra peza. Este curso está dirixido a persoas de 12 anos en diante.

Trala boa acollida que tivo o primeiro curso de iniciación á calceta, que se desenvolveu durante os meses de outubro, novembro, decembro e xaneiro no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, o Concello de Ames decidiu darlle continuidade a esta actividade durante os próximos meses de febreiro e marzo. O primeiro curso de iniciación á calceta, no que están participando unhas 20 persoas, remata este venres 18 de xaneiro. O balance que se fai dende a Concellaría de Medio Ambiente é moi positiva xa que esta actividade desenvolveuse nun ambiente moi distendido.

Unha vez remate este curso os e as participantes teñen intención de solicitarlle ao Concello un local municipal para organizar o Club da Calceta e seguir practicando diferentes técnicas do arte das agullas. A profesora do curso de calceta acudira ao lugar onde se reúnan para guiar o alumnado nos traballos que estean elaborando e resolver todas as dúbidas que lles formulen. Ademais, o alumnado solicitoulle ao Concello que imparta un curso de perfeccionamento para seguir aprendendo e mellorando as técnicas de calceta.

Novos cursos de iniciación á calceta
Agora, daráselle continuidade a esta actividade con dous novos cursos que se impartirán nas casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro durante os meses de febreiro e marzo. En Bertamiráns as clases impartiranse os mércores en horario de 11:30 h a 12:30 horas, mentres que no Milladoiro o curso realizarase os luns en horario de 18:30 h a 19:30 horas. Os días e horarios dos cursos poderá variar por necesidades do local onde se imparten. Estas actividades están dirixidas a todas aquelas persoas que teñan de 12 anos en diante.

Neste curso impartiranse nocións básicas sobre a arte da calceta. Empezarase dende o inicio polo que poden acudir todas aquelas persoas que non teñan coñecemento sobre a calceta. A profesora ensinaralles a todos/as os/as participantes diferentes técnicas de calceta como a montaxe de puntos, os mingüados e aumentos, os calados, etc. Ademais, aprenderán a calcetar empregando varias cores. Ao final do curso os alumnos/as serán capaces de seguir modelos de revistas e páxinas web especializadas en calceta. Todas as persoas que asistan a esta actividade debe levar agullas do número 4 e unha madeixa de la de cor claro que se axeite as devanditas agullas.

Ofértanse un total de 50 prazas; 25 para o curso de Bertamiráns e outras 25 para o curso do Milladoiro. Para realizar as inscricións ou ampliar calquera outra información do curso de iniciación á calceta poden poñerse en contacto co Concello de Ames a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org e do número 660 004 665 ou a través do correo electrónico medioambiente@concellodeames.org e do número de teléfono 662 377 544.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames abre el plazo de inscripción para los cursos de iniciación a la calceta"
El Correo Gallego: "Ábrese o prazo de inscrición para participar nos cursos de iniciación á calceta que se impartirán en Bertamiráns e no Milladoiro"