Pestanas principais

Ábrese o prazo de inscrición para participar nos campamentos deportivos que organiza a Deputación da Coruña

Luns, 12 de maio de 2014

[12-05-2014] Os nenos e nenas de Ames xa poden matricularse nos campamentos deportivos que ofrece a Deputación da Coruña, a través da concellaría de Deportes do Concello de Ames. Estes campamentos están dirixidos a rapaces e rapazas nados entre o ano 2000 e o 2004. Para poder apuntarse nesta actividade hai que estar empadroado no concello de Ames. As inscricións faranse no Rexistro Xeral do Concello. O prazo de inscrición xa está aberto e pecharase o día 19 de maio. Estes campamentos celébranse no Centro Calvo Sotelo. Aos rapaces e rapazas de Ames correspóndelle a primeira quenda que vai dende o 29 de xuño ao 5 de xullo. Ofértanse 16 prazas. No caso de haber máis inscricións que prazas, realizarase un sorteo público o 21 de maio, ás 12:00 horas, na Casa do Concello. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de solicitude e un folleto informativo.

Un ano máis a Deputación da Coruña organiza un programa de campamentos deportivos para todos os nenos e nenas dos concellos da provincia. Co obxectivo de facilitar a inscrición de todos os rapaces e rapazas que estean interesados nestas actividades, a Concellaría de Deportes abre un período de inscrición que estará aberto ata o vindeiro 19 de maio. Esta iniciativa xorde co fin de conciliar a vida familiar e laboral de todos os pais e nais durante as vacacións de verán.

Ofértanse 16 prazas para o Concello de Ames polo que todos os interesados deben darse présa para apuntarse. Este campamento está dirixido aos nenos e nenas nados entre o ano 2000 e o 2004 e que estean empadroadas no concello de Ames. Estes campamentos celébranse no Centro Calvo Sotelo en tres quendas dunha semana entre o 29 de xuño e o 19 de xullo. Aos rapaces e rapazas de Ames correspóndelle a primeira quenda que vai dende o 29 de xuño ao 5 de xullo. A cota de inscrición é de 85 euros e inclúe o transporte interno, a estadía e manutención na residencia e o gasto das actividades programadas, así como o material propio das actividades deportivas coma raquetas de tenis, balóns e chalecos salvavidas que se entregarán a cada participante durante a celebración do campamento.

Os campamentos deportivos inclúen as actividades deportivas preferentes que, nesta ocasión, serán os deportes náuticos, a equitación, paseos a cabalo, actividades multiaventura, kaiaks, orientación, piragüismo, paseos en barco, tenis, voleibol praia, fútbol 7, baloncesto, voleibol, batuka, capoeira e hip-hop. Ademais, este ano volverase a incluír a práctica de inglés nas actividades que se desenvolvan neste campamento. O programa do campamento inclúe as visitas a centros de interese cultural da comarca e da cidade da Coruña e as veladas nocturnas con actividades e xogos que teñan como obxectivo fomentar a comunicación, a convivencia e o respecto entre os demais.

Tramitación das inscricións
Os pais e nais interesados deben formalizar a inscrición no Rexistro Municipal do Concello de Ames, de luns a sábado, en horario de 09:00 h. a 14:00 horas, entregando a ficha de inscrición debidamente cuberta e asinada polos pais ou titor/as do solicitante, unha foto carné, unha fotocopia da tarxeta sanitaria, unha fotocopia do libro de familia ou carné de identidade, un volante de empadroamento e unha copia de pagamento da cota de inscrición (este último papel haberá que entregalo despois de que o concello lle confirme ao solicitante que dispón da praza solicitada). No caso de algúns dos nenos ou nenas precisen un tratamento específico ou sufran unha doenza que haxa que ter en conta, haberá que achegar un xustificante médico asinado polo facultativo pertinente.

No caso de haber máis inscricións que prazas, realizarase un sorteo público o día 21 de maio, ás 12:00 horas, na Casa do Concello onde terán preferencia os nenos e nenas que non asistiran o ano anterior. Para máis información pódese acudir á páxina web www.dicoruna.es, da Deputación da Coruña ou chamar ó teléfono 981 080 300, extensión 4308.