Pestanas principais

Ábrese o prazo de inscrición para participar no VI “Concurso de Escaparatismo do Concello de Ames Nadal 2011”

Luns, 28 de novembro de 2011

[28-11-2011] O Concello de Ames abre o prazo de inscrición para participar no VI “Concurso de Escaparatismo do Concello de Ames Nadal 2011”. A Concellería de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo puxo en marcha este concurso no que os comercios amienses competirán co engalanado dos seus escaparates que deberán estar montados e expostos dende o 5 de decembro de 2011 ata o 5 de xaneiro de 2012. Os premios este ano presentan novidades, pois están máis repartidos e en lugar de tres, serán cinco os locais premiados. O primeiro clasificado terá 600 euros de premio, 400 euros o segundo, 200 euros o terceiro, o cuarto premiado poderá gozar dunha fin de semana para dúas persoas en sesión termal valorado en 200 euros e o quinto gañará unha fin de semana rural para dúas persoas valorado en 100 euros.

Dende o Concello de Ames, e en particular dende a Concellería de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, que dirixe Bernardo Moar, convídase a todos aqueles que o desexen a participar nesta iniciativa "que axudará a facer dos establecementos focos de atracción, e aumentar o interese polos produtos por parte de potenciais clientes e agradécese o compromiso e a colaboración dos comerciantes de Ames con iniciativas coma esta xa que sen a súa colaboración estas actividades, e os medios destinados a elas, non terían razón de ser" explica Moar.

A campaña de Nadal é unha das máis importantes do ano para os establecementos comerciais. Debido a iso, un ano máis o Concello de Ames pon en marcha o VI Concurso de Escaparatismo Nadal 2010 como unha axuda máis á dinamización do comercio amiense.

A solicitudes para participar poderanse presentar dende o día 17 novembro ata o 2 de decembro no rexistro municipal, tanto nas oficinas de Bertamiráns, coma nas de Milladoiro, en horario de 9 a 14 horas de luns a venres, vía fax ao número 981 884 656, ou na dirección de correo electrónico promocioneconomica@concellodeames.org.

O xurado do concurso estará composto polo alcalde de Ames, Santiago Amor, ou a persoa na que delegue, polo concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar, un representante da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB) e un representante da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Milladoiro (AEMI). O xurado valorará os escaparates participantes en base aos criterios de composición e deseño, así como a orixinalidade e innovación.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames motiva a sus comerciantes con premios para mejorar los escaparates"
El Correo Gallego: "Ábrese o prazo de inscrición para o Concurso de Escaparatismo do Concello de Ames Nadal 2011"