Pestanas principais

Ábrese o prazo de inscrición para participar no obradoiro de lingua e cultura

Luns, 24 de setembro de 2012

[24-09-2012] Ponse en marcha un ano máis o obradoiro de lingua e cultura, dirixido a todas aquelas persoas procedentes de fóra de Galicia que residan en Ames, aos emigrantes retornados e a calquera persoa do concello interesada en achegarse á lingua e á cultura. En Bertamiráns esta actividade desenvolverase entre o 25 de outubro e o 8 de novembro, mentres que no Milladoiro impartirase dende o 12 de novembro ata o 19 de decembro. Haberá dous prazos de inscrición. En Bertamiráns as inscricións pódense realizar entre o 25 de setembro e o 5 de outubro, e no Milladoiro o prazo de inscrición estará aberto dende o 29 de outubro ata o 9 de novembro. As persoas interesadas poderán inscribirse no Servizo de Normalización Lingüística e no Servizo de Atención ao Migrante. O obradoiro é gratuíto e achegarase certificado de asistencia.

O Concello de Ames ten unha alta porcentaxe de poboación chegada de fóra de Galicia. Na actualidade conta con persoas de 65 nacionalidades procedentes dos cinco continentes e cunhas 40 linguas. Esta realidade multicultural converte o concello amiense nun espazo privilexiado de intercambio cultural, unha interculturalidade que enriquece a toda a veciñanza.

Moitas destas persoas case non tiveron contacto coa lingua e coa cultura galegas ou permaneceron durante moitos anos alleas a ela. Por este motivo, dende a Concellería de Cultura, a través do Servizo de Normalización Lingüística, enténdese que é necesario organizar este obradoiro, que está dirixido basicamente a ese sector de poboación procedente de fóra de Galicia, co obxectivo de que adquiran nocións básicas de lingua e cultura galegas que contribúan a mellorar a súa integración e que lles sirvan de paso previo á obtención dos certificados oficiais de lingua galega (CELGAS).

A idea que se persegue a través deste obradoiro é que as persoas asistentes se acheguen á lingua progresivamente, nun proceso de aprendizaxe que pasa pola adquisición de coñecementos a partir do traballo en equipo e a realización conxunta de actividades coas que se busca a toma de contacto coa lingua. Será unha actividade basicamente práctica cuns mínimos contidos teóricos.

Os principais obxectivos desta actividade son facilitar a integración destas persoas na sociedade galega e amiense; darlle a coñecer a historia e a situación de Galicia e de Ames, da sociedade, da cultura e, nomeadamente, da lingua; que coñezan Ames, as infraestruturas e os servizos que ofrece a institución municipal; e achegarlles nocións básicas para a comprensión e a expresión oral e escrita da lingua galega.

Datas e horarios do obradoiro
O obradoiro contará cunha duración total de 25 horas repartidas en 16 sesións de 90 minutos. Para obter o certificado de asistencia só se poderá faltar o 10% das sesións. Esta actividade desenvolverase durante os meses de outubro, novembro e decembro. En Bertamiráns, as sesións do obradoiro impartiranse no Pazo da Peregrina entre o 25 de outubro e o 8 de novembro (de luns a xoves), en horario de 20:00 h ata as 21:30 horas. O prazo de inscrición para participar no obradoiro de Bertamiráns estará aberto entre o 25 de setembro e o 5 de outubro.

Por outra banda, este mesmo obradoiro desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro dende o 12 de novembro ata o 19 de decembro (luns, mércores e venres), en horario de 20:00 h ata as 21:30 horas. O prazo de inscrición para participar no obradoiro que se desenvolve no Milladoiro estará aberto entre o 29 de outubro e o 9 de novembro.

Os interesados poderán inscribirse no Servizo de Normalización Lingüística, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e nas oficinas municipais do Servizo de Atención ao Migrante (SAMI), Rúa de Abaixo, número 10, O Milladoiro. Para máis información, poden dirixirse ao teléfono do Servizo de Normalización Lingüística, 981 884 991/ 662 377 215 ou ao Servizo de Atención ao Migrante, 981 525 349.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ábrese o prazo de inscrición para participar no obradoiro de lingua e cultura"