[29-10-2013] A Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) acaba de poñer en marcha a sexta edición do curso de castelán dirixido a estranxeiros residentes no municipio. Este curso desenvolverase nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Polo tanto, organizaranse dous grupos. Todas as persoas que desexen iniciarse no español ou perfeccionar os seus coñecementos neste idioma xa poden inscribirse neste obradoiro municipal. Para inscribirse neste curso hai que pasar pola Oficina de Voluntariado de Ames, situada na Casa da Cultura do Milladoiro ou de Bertamiráns. Tamén se pode chamar ao número de teléfono 662 377 044.
Este obradoiro organízase co obxectivo de dar resposta ás necesidades específicas das persoas que veñen vivir ou traballar ao concello dende outros países estranxeiros. Así, poderán aprender o básico da lingua castelá, para que lles sexa máis fácil integrarse na nosa comunidade. As clases impartiránse nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Haberá dous grupos, un en cada localidade.
A encargada de impartir as clases de castelán será unha profesora voluntaria da OVA, Matilde Fernández. A mestra non só ofrecerá leccións teóricas senón que a práctica será parte importante na aprendizaxe. Todos os cursos existe unha gran diversidade entre o alumnado que cada ano participa nesta actividade.
Neste curso séguese un programa de traballo axeitado aos coñecementos de cada alumno/a. Durante as primeiras sesións o alumnado aprende o vocabulario necesario e básico para utilizar o castelán. De seguido comézase coas nocións de expresión oral e gramática, para ir subindo, deste xeito, o seu nivel de coñecemento do idioma, e conseguir, ao final do curso, un nivel suficiente para comunicarse coa comunidade.
Para responder a calquera tipo de dúbida ou solicitar a asistencia, as persoas interesadas poden chamar ao número de teléfono 662 377 044 no que obterán toda a información necesaria do curso. Se o prefiren, poden pasar pola Oficina de Voluntariado de Ames, situada na Casa da Cultura do Milladoiro ou de Bertamiráns.





