Pestanas principais

Ábrese o prazo de inscrición para participar na XIV Carreira Pedestre Popular Concello de Ames

Venres, 04 de outubro de 2013

[04-10-2013] O prazo de inscrición para a décimo cuarta edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames xa está aberto e rematará o mércores 16 de outubro. O paseo fluvial de Bertamiráns será o escenario desta proba que se celebrará durante a mañá do vindeiro domingo 20 de outubro. Trátase dun evento xa máis que consolidado no termo municipal de Ames e que reúne cada ano a moitos atletas de toda a contorna e doutras localidades de Galicia. Para participar na proba absoluta (de xuvenil a veteranos) e na carreira escolar as inscricións poden realizarse na páxina web www.emesports.es. Para máis información poden poñerse en contacto co departamento de Deportes do Concello de Ames chamando ao número de teléfono 981 884 991.

Percorrido e distancia de cada proba
O percorrido e a distancia da carreira varían segundo a categoría e a idade dos participantes. A traxectoria máis longa ten 7.900 metros e será a que sigan os corredores das categorías xuvenil-júnior, promesa-sénior e dos diferentes grupos de veteranos. Os participantes das categorías infantil e cadete terán que correr nun circuíto de 2.400 metros, os alevíns de 1.200 metros, os benxamíns e prebenxamíns seguirán unha ruta de 500 metros, e os nenos e nenas encadrados na categoría pitufos só terán que correr 250 metros.

O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo na Delegación de Santiago de Compostela. Aínda que a proba sexa de carácter estritamente deportivo e popular, admitiranse reclamacións, pero agárdase un espírito e un comportamento deportivo por parte de todos os participantes. As reclamacións aos resultados oficiais formularánselle ao xuíz árbitro da competición non máis tarde de 30 minutos despois da publicación dos resultados.

I Circuíto de Carreiras Populares
Desde este ano, a Carreira Pedestre de Ames forma parte do I Circuíto Provincial de Carreiras Populares posto en marcha pola Deputación da Coruña, onde se inclúen outras novas probas deportivas organizadas por diferentes concellos da provincia.

Neste circuíto poderán participar todas aquelas persoas que naceran no ano 2004 (como máximo) ata maiores de 60 anos, xa que haberá diferentes categorías adaptadas a cada idade. Os participantes no circuíto deberán, a lo menos, correr en cinco das probas incluídas no programa provincial. Todos os corredores que rematen a carreira recibirán un punto e os primeiros 50 clasificados recibirán unha puntuación extra na que o primeiro terá 50 puntos, o segundo 49 e así, sucesivamente, ata que o que chega no 50ª lugar sume un punto.

Nesta proba poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. As inscricións poderanse facer ata as 22:00 horas do día 16 de outubro. Para participar na proba absoluta (de xuvenil a veteranos) e na carreira escolar as inscricións poden realizarse na páxina web www.emesports.es. Non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido nin se admitirán inscricións o día da carreira.

 A inscrición para a carreira escolar é gratuíta. As persoas que desexen participar na proba absoluta (pertencentes ás categorías xuvenil-júnior, promesa-sénior, e veteranos 1,2,3 e 4) terán que aboar unha cota de 5 euros. O pagamento da inscrición poderá realizarse pola pasarela da propia páxina web. Calquera dúbida que teñen no proceso de inscrición dos adultos poderán resolvela chamando ao número de teléfono 886153589 ou enviando un correo electrónico á dirección info@emesports.es.

Os corredores tomarán a saída ás 11:00 horas da mañá dende o paseo fluvial de Bertamiráns. Para poder participar, as persoas inscritas deberán recoller o seu dorsal ata media hora antes de que comece a proba na que participan. Os dorsais estarán depositados na secretaría da organización situada no paseo fluvial de Bertamiráns. Os participantes deberán ademais colocarse na zona de saída 10 minutos antes do comezo de cada proba.

Recibirán trofeos os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculinos e femininos e tamén os tres primeiros absolutos masculino e feminino. Os premios non serán acumulativos. A entrega de trofeos farase ao rematar a carreira. Aos atletas que obteñan algún premio poderáselles solicitar que acrediten a súa idade coa presentación do DNI ou pasaporte. Cómpre salientar que todo corredor ou corredora que chegue á meta sen o seu dorsal ou non o leve colocado de xeito correcto na zona do peito, será automaticamente descualificado. Haberá servizo de duchas no pavillón polideportivo de Bertamiráns e ao final das probas realizarase un sorteo de varios agasallos.