Pestanas principais

Ábrese o prazo de inscrición para participar na Festa do Entroido do Concello de Ames na que haberá concursos de disfraces e de receitas típicas de carnaval

Mércores, 05 de febreiro de 2014

[05-02-2014] Por terceiro ano consecutivo o Concello de Ames organiza unha Festa de Entroido na que haberá un concurso de disfraces e outro concurso de receitas de carnaval. Esta iniciativa desenvolverase o luns 3 de marzo, a partir das 17:00 horas, no aparcadoiro da Travesía do Porto, no Milladoiro. Este ano incrementouse o importe dos premios do concurso de disfraces. Repartíranse un total de 4.550 euros en premios (3.800 euros no concurso de disfraces e 750 euros no concurso de receitas de Entroido). Para participar no concurso de disfraces haberá que inscribirse antes das 11:00 horas do 3 de marzo, mentres que a data límite de presentación de receitas será o xoves 27 de febreiro. A festa estará amenizada pola charanga Rouba Bicos e pola orquestra Palladium. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases dos concursos e os impresos de inscrición.


Concurso de receitas típicas de Entroido
Neste concurso poderá participar calquera persoa maior de 18 anos, ben sexa profesional ou afeccionada. A participación pode ser a título individual ou representando unha entidade, empresa, asociación, local hostaleiro, etc.

As receitas deberán ser típicas do Entroido e terán que presentaranse na Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a venres, das 9:00 h ás 14:00 horas, ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. Terán que estar mecanografadas e escritas en lingua galega. A data límite de presentación será o xoves, 27 de febreiro. Admitiranse, como máximo, dúas receitas por participante. Os/as concursantes, xunto coa receita, terán que achegar os datos persoais: nome, apelidos, teléfono, enderezo, entidade a que pertencen.

Os/as participantes deberán presentar os pratos elaborados na carpa instalada polo Concello no aparcadoiro da Travesía do Porto (Milladoiro) entre as 17:00 h e as 17:30 horas. Cada prato permitirá, polo menos, o equivalente a 30 degustacións (non racións). Unha vez que o xurado avalíe os pratos, ofreceránselle ao público asistente para a súa degustación. Os/as participantes deberán achegar os utensilios necesarios para degustar cada prato.

Establécense tres premios: prato mellor elaborado; prato mellor presentado e prato máis creativo. Cada unha das categorías estará dotado cun premio en metálico de 250 euros. Ao igual que no concurso de disfraces o xurado estará composto por tres membros designados polo Concello de Ames. O xurado valorará os pratos conforme aos criterios de: elaboración, presentación e creatividade. A entrega de premios realizarase o mesmo día do concurso.

Este ano haberá que agardar ata comezos do mes de marzo para poder celebrar o Entroido, pero o Concello de Ames xa ten pechada a programación de actividades que se desenvolverán con motivo desta festa. Tralo éxito de participación das dúas edicións anteriores, este ano vólvese a organizar esta iniciativa que se desenvolverá no aparcadoiro da Travesía do Porto, situado no Milladoiro. Seguindo o sistema de rotación que se estableceu no ano 2011, para alternar os principais eventos municipais entre os núcleos de Bertamiráns e do Milladoiro, este ano tócalle a quenda á localidade do Milladoiro, xa que o ano pasado a Festa do Entroido desenvolveuse en Bertamiráns.

Para darlle colorido a este evento ademais de disfraces e produtos típicos de Entroido haberá música. A música correrá a cargo da orquestra Palladium e da Charanga Rouba Bicos. No concurso de disfraces poderán participar todas as persoas, asociacións, comunidades ou colexios que o desexen. As persoas menores de idade terán que participar baixo a responsabilidade dunha persoa adulta.

As inscricións realizaranse na Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a venres en horario de 9:00 h a 14:00 horas, a través do teléfono 981 535 940, ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. Admitiranse inscricións ata o día 3 de marzo, ás 11:00 horas. Á hora de apuntarse ao concurso, os participantes deberán achegar o título do disfrace, nome e apelidos do representante, DNI, teléfono de contacto, categoría na que se inscriben e número de compoñentes.

Haberá en total catro modalidades nas que se poderá concursar: unha modalidade infantil, que estará constituída por 1 ou 2 persoas ata os 12 anos; unha modalidade de adulto na que poderán participar 1 ou 2 persoas maiores de 12 anos, unha modalidade de grupo que se constituirá por grupos de 3 a 9 persoas de calquera idade e unha modalidade de comparsas que deberá estar formada por 10 ou máis persoas tamén de calquera idade.

Os/as participantes deberán presentarse na carpa instalada polo Concello no aparcadoiro da Travesía do Porto (Milladoiro), debidamente ataviados/as, entre as 17:00 h e as 18:00 horas. O desfile comezará arredor das 18:00 h e seguirá o percorrido e o ritmo que marque a charanga Rouba Bicos. O desfile de disfraces, grupos e comparsas sairá da Travesía do Porto e discorrerá polas rúas Pardiñeiros, Agro do Medio, Cereixos e rematará outra vez na Travesía do Porto.

Os premios estarán dotados cos seguintes importes en metálico. Na categoría infantil o primeiro premio ten un importe de 100 euros, o segundo premio é de 75 euros e o terceiro de 50 euros. Na categoría de adultos os premios serán de 200€, 150€ e 75€ dependendo de si acadas o primeiro, segundo ou terceiro posto. Na categoría de grupos o primeiro premio ascende a 500 euros, o segundo premio é de 300 euros e o terceiro de 150 euros. Por último, na categoría de comparsas os premios serán de 1.100€, 600€ e 500€ dependendo de si acadas o primeiro, segundo ou terceiro posto. O xurado que falle os premios estará composto por tres membros designados pola Alcaldía do Concello de Ames. O xurado valorará os disfraces conforme á creatividade, caracterización e orixinalidade.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El carnaval amiense ofrece 4.550 euros en premios"