[15-02-2011] Os locais sociais de Bugallido e Agrón acollerán durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio cadanseu curso de iniciación á informática. O prazo para realizar as inscricións xa está aberto e pecharase o día 21 de febreiro. O obxectivo desta iniciativa é promover a alfabetización dixital para todas as capas da poboación de Ames. O curso ofrece nocións básicas de word, access e excel para os usuarios/as. Deste xeito dáselle continuidade ao programa de dinamización dixital nas aldeas, que nas edicións anteriores xa recorreu as parroquias de Piñeiro, Augapesada e Covas.
Na actualidade a informática é unha ferramenta imprescindible na vida cotiá e laboral de calquera persoa. Por iso o programa de dinamización dixital continuará con novos obradoiros nas parroquias de Bugallido e Agrón. Así, dende a Concellaría de Cultura o que se pretende é concienciar á cidadanía amiense da importancia da alfabetización dixital.
O obxectivo destes cursos é dotar aos usuarios dunha serie de coñecementos básicos sobre aplicacións de emprego habitual como son word, acces e excel. As persoas asistentes, que non tiveron contacto previamente con estas útiles ferramentas para o día a día, poderán aprender a desenvolverse no emprego das mesmas con eficiencia básica, de feito que poidan manexalas con todas as posibilidades que iso lles ofrece.
O curso de Bugallido desenvolverase os martes e os xoves entre as 17:00 h. e as 19:00 horas. O de Agrón farao os luns e venres entre as 20:00 h. e as 22:00 horas. Ambos os dous están destinados a persoas de 18 anos en adiante empadroadas no Concello de Ames. Os cursos constarán de doce prazas que deberán estar cubertas totalmente e terán un custe de 6 euros.
O prazo de inscrición para os cursos de informática que acollerán os centros sociais de Bugallido e Agrón xa está aberto e rematará o luns 21 de febreiro. Os cursos terán lugar entre 1 de marzo e o 5 de maio no primeiro caso e entre o 28 de febreiro e o 6 de maio no segundo. A duración total dos mesmos será de 40 horas.
Para realizar as inscricións ou para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 535 940 da Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de 9:00 h. a 14:00 horas. Para poder realizar ambos os dous obradoiros é imprescindible que se completen todas as prazas ofertadas.
Estes obradoiros realízanse coa intención de que a alfabetización dixital chegue a todas as capas da poboación amiense. Deste xeito dáselle continuidade ao programa de dinamización dixital nas aldeas. Nas edicións anteriores estes obradoiros xa se organizaron nas localidades de Piñeiro, Augapesada e Covas.




