[17-05-2011] Aproxímase o verán e o Concello de Ames pon en marcha un ano máis os programas do Xuño lúdico e a Escola de verán. Estes servizos permiten a conciliación da vida familiar e laboral e están destinados a nenos e nenas de segundo ciclo de infantil e educación primaria. O Xuño lúdico desenvolveranse durante os días 23, 27, 28, 29 e 30 de xuño, dende as 07:30 h. ata as 16:00 horas. Por outra banda, a Escola de verán desenvolverase durante os meses de xullo e agosto en Bertamiráns e no Milladoiro, de luns a venres, excepto festivos, no mesmo horario de 7:30 h. a 16:00 horas. O prazo para apuntarse nestes dous programas estará aberto dende o día 15 ata o 30 de maio.
O verán é unha época para pasalo ben, sobre todo para os cativos, que teñen tres meses enteiros libres. Moitos pais e nais non teñen a mesma sorte, e as súas obrigas laborais fan máis difícil conciliar o traballo co coidado dos seus fillos e fillas. Para axudar a estas familias, o Concello de Ames pon en marcha os programas do Xuño lúdico e a Escola de verán, que ofrecen actividades lúdicas e culturais a centos de nenos e nenas amienses mentres os seus pais e nais traballan.
Como en anos anteriores, o Concello de Ames pon en marca o programa de Xuño lúdico, dirixido aos nenos de entre 3 e 12 anos. Con este programa preténdese ofertar unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo de lecer dun xeito divertido e educativo no tempo de vacacións escolares, permita ás nais e pais conciliar a vida laboral e familiar.
Estas actividades desenvolveranse durante os días 23, 27, 28, 29 e 30 de xuño, dende as 07:30 h. ata as 16:00 horas. O prazo para apuntarse no Xuño lúdico estará aberto dende o día 15 ata o 30 de maio. Todas as persoas interesadas terán que pasar polo departamento de Educación, situado na Casa do Concello, ou pola oficina municipal do Milladoiro, en horario de 09:00 h. a 14:00 horas. As follas de inscrición tamén se poden descargar no apartado de AVISOS da web municipal. A entrega da documentación farase no rexistro xeral do Concello, situado en Bertamiráns, e na oficina municipal do Milladoiro, no mesmo horario que no caso anterior.
O Xuño lúdico enmárcase dentro dos programas de conciliación da vida laboral e familiar que desenvolve a Concellaría de Educación ao longo de todo o ano. Estes programas comezaron a poñerse en marcha no ano 2003, polo que o Xuño lúdico desenvólvese por oitavo ano consecutivo. Así os programas de conciliación da vida familiar e laboral convertéronse nun sinal de identidade que define ao concello de Ames como un lugar onde se traballa en prol das políticas sociais que propician o benestar da cidadanía.
Escola de verán
A Escola de Verán é unha oferta educativa e de ocio. Pretende ser unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo de lecer dun xeito divertido e educativo para os nenos e nenas, permita ás nais e pais conciliar a vida laboral e familiar. Ademais permítelle aos rapaces e rapazas pasar as vacacións de verán dun xeito divertido e educativo.
O servizo está dirixido aos nenos e nenas que cursan segundo ciclo de infantil e educación primaria e que estean empadroados no Concello de Ames. Tamén poderán acceder ao servizo, as fillas e fillos de persoas, que estando empadroadas noutro Concello, teñan os seus postos de traballo neste municipio. Esta situación deberá acreditarse cun certificado da empresa ou institución correspondente. A pesar diso terán sempre preferencia os nenos e nenas empadroados no Concello.
O servizo desenvolvese nos meses de xullo e agosto en Bertamiráns e no Milladoiro, de luns a venres, excepto festivos, en horario de 7:30 h. a 16:00 horas. Trátase de facer unha oferta lúdica - educativa para que os rapaces e rapazas pasen un verán diferente cos seus compañeiros e no seu contorno á vez que aprenden conceptos fundamentais para a súa educación. As actividades que se desenvolven xiran ao redor de grandes áreas como a diversidade cultural ou a seguridade viaria, pero tamén se tratan outro tipo de temas máis próximos á vida cotiá dos nenos e nenas.
Todos estes temas abórdanse con material especifico para as idades dos rapaces participantes e van acompañados de exemplos gráficos, obradoiros e visitas didácticas que fan este programa de actividades moito máis atractivo.
As solicitudes de inscrición poderán recollerse no departamento de Educación e na oficina municipal do Milladoiro, en horario de 9:00 h. ás 14:00 horas, ou pódense descargar no apartado de AVISOS da web municipal. Unha vez estea cuberta a ficha de inscrición poderase entregar no rexistro xeral do Concello e na oficina municipal do Milladoiro, tamén en horario de 9:00 h. ás 14:00 horas. O prazo para solicitar a inscrición estará aberto dende o 15 ata o 30 de maio.




