[09-12-2011] A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) organiza para o próximo 16 de decembro un obradoiro de intercambios e iniciativas xuvenís dirixido a toda a mocidade amiense, que se enmarca dentro do programa de Xornadas e Obradoiros de Xuventude nos Concellos, e que está promovido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. O obradoiro, dirixido a mozos/as de entre 17 e 30 anos, desenvolverase na Casa da Cultura de Bertamiráns en horario de tarde, de 18:30 h a 20:30 horas. O prazo de inscrición estará aberto ata o 13 de decembro. Todos os mozos/as que estean interesados poden inscribirse chamando aos números de teléfono 981 883 002 (luns, mércores e xoves) e ao 981 535 940 (martes e venres) ou enviando un correo electrónico ao enderezo omix@concellodeames.org. O número de prazas é limitado.
O obradoiro Xuventude en acción: Iniciativas e intercambios xuvenís enmárcase dentro do programa de Xornadas e Obradoiros de Xuventude nos Concellos, dirixido a todos os municipios de Galicia, e está promovido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para dar a coñecer os recursos dispoñibles para a mocidade, en especial, en materia de mobilidade, emprego e programas destinados a este sector da poboación.
Dentro deste programa, ao Concello de Ames concedéronselle dous obradoiros. O de orientación laboral (desenvolveuse mes de setembro e participaron nel 26 mozos e mozas do IES de Ames) e o programa de xuventude en acción: intercambio e iniciativas xuvenís, que terá lugar o próximo 16 de decembro na Casa da Cultura de Bertamiráns.
O obxectivo deste obradoiro é darlles a coñecer aos mozos dous programas de xuventude en acción. A través do obradoiro preténdese que os e as asistentes aprendan non só as vantaxes destes programas, senón tamén todos os pasos a seguir para poder participar neles, redactar un proxecto de intercambio, levar a cabo os seus propios proxectos, os requisitos de participación, beneficios, experiencias de xente que participou no programa, etc.
Por unha banda abórdase o tema das iniciativas que está destinado a grupos de mozos con ideas para facer un proxecto conxunto. O programa xuventude en acción ofrece a posibilidade de solicitar financiamento para unha iniciativa xuvenil. Tamén se informará do que é unha iniciativa xuvenil. Neste senso explicarase que se trata dun proxecto no que se pode participar de forma activa e directa en actividades deseñadas polos mozos/as e nas cales se pode desempeñar un papel activo co propósito de estimular o espírito de iniciativa, así como a creatividade. As iniciativas ofrecen a oportunidade de probar as novas ideas podendo participar directa e activamente na planificación e realización dos proxectos.
O segundo tema que se abordará é o dos intercambios. Se queres organizar co teu grupo de amigos, compañeiros de clase ou de asociación un intercambio con mozos doutros países, esta é a túa oportunidade. O programa xuventude en acción ofrece a posibilidade de vivir non só novas experiencias persoais senón a oportunidade de coñecer outras culturas e establecer relacións de cooperación e amizade con outros mozos e mozas da mesma idade participantes tamén no programa.




